Piden sete anos de prisión para un home que intentou atropelar o alcalde de Agolada
Por Redacción
A Fiscalía solicita sete anos e tres meses de prisión para un home que está acusado de tentar atropelar ao alcalde de Agolada, Luís Calvo, e a continuación chocar intencionadamente contra o seu vehículo.
Este incidente, que será xulgado este martes 20 de abril na sección cuarta da Audiencia de Pontevedra, ocorreu en setembro de 2019, segundo relata o fiscal no escrito de acusación.
O acusado, que se atopaba en estado ebrio, viu ao alcalde cando este aparcara o seu coche nas inmediacións dun bar do municipio e "con pleno coñecemento de que trataba del", explica o representante do ministerio público, freou o seu coche e deu marcha atrás.
O obxectivo era "dirixirse cara o lugar onde se atopaba" e, para iso, acelerou o seu coche "co claro fin de atropelalo", algo que non logrou porque o alcalde puido escapar a tempo.
Unha hora despois volveu pasar co coche polo mesmo lugar e arremeteu de maneira intencionada contra o coche do rexedor, provocándolle danos valorados nuns 2.500 euros.
Cando os axentes da Garda Civil chegaron ao lugar, o acusado comezou a insultalos afirmando que "sodes uns pallasos, uns chulos, uns merdas, non tedes collóns de facer isto en Bilbao, vós non sodes ninguén, vémonos no xulgado" e agrediu un deles.
Ademais, segundo consta no escrito da Fiscalía, negouse a someterse á proba de alcoholemia, a pesar de que tiña síntomas que evidenciaban a súa embriaguez.
O home enfróntase a un delito de atentado, a un delito de danos, un delito de atentado a axente da autoridade, un delito de lesións, un delito de desobediencia e un delito contra a seguridade viaria, polos que o fiscal solicita eses sete anos e tres meses de cárcere.
Reclama tamén que se lle retire o carné de conducir durante dous anos, que pague unha multa de 13.680 euros e que indemnice ao alcalde de Agolada cos 2.500 euros que custou a reparación do seu coche e con outros 210 euros ao axente da Garda Civil ao que agrediu.