Un camión acaba encaixado baixo a ponte de Eduardo Pondal
Por Redacción
Un camión quedou atascado á primeira hora da tarde deste luns baixo a ponte da rúa Eduardo Pondal, en Pontevedra
Fontes da Policía Local explicaron que o vehículo de distribución acabou encaixado alí por un "descoido" do condutor, o que motivou a intervención dos bombeiros para retirar o tráiler e uns ferros de metal do teito da ponte que presentaban risco de desprendemento.
O suceso produciuse ao redor das 15:00 horas deste luns cando o camión, procedente da Praza de Galicia dirixíase cara Eduardo Pondal sen decatarse que a altura do vehículo era superior á admitida polo túnel.
O incidente, moi pouco frecuente dado que se trata dun lugar de tránsito habitual e que os condutores destes camións de grandes dimensións coñecen, quedou resolvido en pouco tempo e o tráfico apenas se viu afectado durante uns minutos en plena hora de saída de moitos postos de traballo.