O proxecto da Lonxa de Campelo para adquirir un autocargador de algas, o máis puntuado para as axudas do GALP
Por Redacción
A xunta directiva do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro da Ría de Pontevedra (GALP) aprobou a listaxe final de proxectos para as axudas que conceden a Consellería do Mar e o Fondo Europeo Marítimo e da Pesca.
Seleccionáronse 39 proxectos, 17 produtivos e 22 non produtivos, dentro das 54 solicitudes presentadas. Os proxectos produtivos poden ser subvencionados ata nun 80% do investimento necesario e, entre as propostas, atópanse as máis orientadas a aumentar a competitividade do sector como a adquisición de vehículos isotérmicos, cámaras frigoríficas ou equipos de control de temperatura para a mellora da distribución dos produtos do mar. Tamén nesta mesma liña inclúense as propostas de apertura de locais ou a comercialización en liña.
Neste apartado, o proxecto con máis puntuación foi o presentado pola Lonxa de Campelo AIE, que propón a adquisición dun modelo optimizado de autocargador de algas de arribazón intermareais.
Dentro do apartado de proxectos para poñer en valor o patrimonio marítimo, Sauro Martínez, patrón maior da Confraría de Pescadores de Sanxenxo presentaba unha iniciativa de pescaturismo, que tamén serve como vía para diversificar a actividade da pesca artesanal.
Xa na sección de proxectos non produtivos, que poden obter unha subvención do 100%, priman os relacionados con recursos naturais e o patrimonio da ría pontevedresa. Lonxa de Campelo AIE propón crear un sistema de recollida de algas submareal; o Club Náutico de Portonovo aposta pola mellora da eficiencia enerxética e da accesibilidade ás instalacións; mentres que o Concello de Sanxenxo aposta pola protección das dunas e a dotación de servizos públicos nas praias do litoral. Pola súa banda, o Concello de Pontevedra propón sinalizar os espazos marítimo-fluviais da ría.
Tamén o Concello pontevedrés, en relación a proxectos sobre a contorna ambiental, presentou un proxecto para descubrir o ENIL da Xunqueira de Alba e a creación dunha Guía de aves que se aproximan a ese espazo. Por outra banda, o Concello de Poio céntrase no desenvolvemento da primeira fase da posta en marcha da senda peonil de Samieira. O Concello de Meaño quere poñer en valor o bordo litoral da desembocadura do río Chanca e desenvolver un programa educativo do mar e a terra. A asociación cultural Rías da Vida quere desenvolver unha proposta para concienciar sobre o lixo mariño.
O Club Mariño A Reiboa ofrece unha alternativa para dinamizar a recuperación das embarcacións tradicionais a través de novas tecnoloxías; mentres que a Asociación Amigos da Dorna de Portonovo quere restaurar a dorna Praia da Panadeira.
O Concello de Bueu busca a divulgación cun documental e un catálogo dedicado á cultura mariñeira e a promoción do traballo de Manuel Aldao e Manuel González 'Purro' sobre as embarcacións tradicionais.
Tamén a figura de Cristóbal Colón preséntase nestas iniciativas a través do Concello de Pontevedra cos traballos 'Pontevedra con sabor a mar' e ' Unha viaxe ao redor do Colón Galego', mentres que o Concello de Poio busca a dinamización da Casa Museo de Colón cunha mellora de equipamento nas instalacións.
Marín presenta un espazo emprendedor de Innovación Alimentaria; a Confraría de San Telmo quere apoiar o transporte de bivalvo e mellorar as condicións laborais do persoal que traballa no sector do mar; a Confraría de Bueu pretende incorporar unha embarcación de vixilancia e a de San Roque de Portonovo, mellorar a comercialización e o equipamento da zona de atención a visitantes na lonxa.
Todos os proxectos teñen un investimento que supera os 3,2 millóns de euros. As axudas propostas polo GALP sitúanse nos 1,6 millóns de euros. A Consellería do Mar encargarase agora de establecer a resolución definitiva sobre estas axudas.