Rueda sinala que as axudas da Xunta e Concellos para autónomos e pemes estarán repartidas ao 100% en tres semanas
Por Oskar Viéitez
O presidente do PP de Pontevedra, Alfonso Rueda, adiantou que as axudas do segundo plan da Xunta de Galicia, en colaboración cos concellos adheridos, estarán repartidas na súa totalidade en dúas ou tres semanas.
Foi durante a xunta directiva provincial que se celebrou este luns, na que a formación reuniu de xeito telemático a alcaldes, voceiros e cargos populares, e na que tamén participaron Julio Comesaña, Ángeles Vázquez e Fabiola García, conselleiros de Sanidade, Medio Ambiente e Política Social respectivamente.
Segundo salientaron na reunión este segundo plan de axudas é "unha garantía da rapidez e da axilidade coa que funcionou a xanela única impulsada polo goberno galego para paliar as perdas económicas aos negocios máis prexudicados pola Covid-19".
Rueda informou que a Xunta xa repartiu a día de hoxe 60,7 millóns de euros, o 81% do orzamento do segundo plan de axudas, e que a primeira convocatoria xa se abonou na súa totalidade.
No que respecta ao terceiro plan, explicou que incluirá os cartos que destine o Goberno central para pemes, autónomos e microempresas, "234 millóns de euros dos máis de 350 que lle deberían corresponder a Galicia", pero aínda están pendentes de asinar o convenio.
Ademais, advirte de que o reparto non poderá ser tan áxil como o dos primeiros dous plans, senón que "estará lastrado pola excesiva burocracia e os criterios que esixe o Estado, pero tamén porque o Goberno central exclúe das axudas a sectores económicos gravemente afectados pola pandemia", como por exemplo, perruquerías, academias, talleres e concesionarios de automóbiles, gasolineiras, elaboración de bebidas, tendas de recordos turísticos, entre outras.
Durante a reunión tamén valoraron a evolución da pandemia nos diferentes concellos da provincia, e insistiron no papel dos responsables locais para concienciar á cidadanía da importancia de asistir aos cribados cando se lles convoca.
Salientaron tamén que máis de 7.000 adolescentes galegos xa participaron nas probas que realizan nas farmacias. No que respecta ás residencias da terceira idade, valoraron que están plenamente inmunizadas, que "a vacina está funcionando" e que estes centros continúan sen casos positivos.
Relacionadas:
-
Pontevedra lidera o gasto do bono turístico, que xa destinou 3,5 millóns a reactivar o sector
Por Redacción |
-
Escepticismo no lecer nocturno pontevedrés ante a reapertura prevista pola Xunta para inicios de verán
Por Manu Otero |
-
A Xunta informa ás asociacións da activación das axudas do segundo plan de rescate
Por Oskar Viéitez |