O goberno local defende que un préstamo de máis de dous millóns de euros é "perfectamente asumible" para Poio
Por Oskar Viéitez
O Concello de Poio, na Comisión de Facenda deste mércores 21 de abril, abordará a concertación dunha operación de préstamo, que se destinará á realización de diferentes actuacións e investimentos. Trátase dunha medida que deberá ser aprobada pola corporación no vindeiro pleno ordinario, que terá lugar o martes 27.
Segundo informa o goberno local, este préstamo terá un interese do 0% e ascenderá a máis de dous millóns de euros, que se investirán en proxectos, obras e reformas de todo tipo, pensadas para "dar resposta a demandas e necesidades da cidadanía no menor tempo posible".
O goberno local ten claro que a obtención deste crédito é "perfectamente asumible" e, ademais, "permitirá adquirir fondos en pouco tempo, para poder acometer obras e actuacións sen comprometer outros proxectos que se financiarán a través doutras vías", como poden ser o remanente de tesourería ou a través de fondos e axudas doutras administracións e institucións, segundo explicaron.
O responsable de Facenda, Xulio Barreiro, lembra que o exercicio 2020 pechou cunha débeda do 44%, reducíndose en catro puntos con respecto a 2019. "Coa solicitude deste préstamo, o endebedamento chegará ao 64%, manténdose aínda lonxe do 75% que establece a normativa", sinala o edil, que lembra que para superar esta porcentaxe e chegar ata o 110% que se marca como límite xa sería preciso solicitar unha autorización a Política Financieira.
RESPOSTA AO PP
Para o goberno local, o Partido Popular sinala un "escenario catastrofista" no que á xestión do endebedamento se refire e lembran a redución que experimentou a débeda municipal nos últimos anos, que entre o 2009 e o 2018 pasouse de 9,3 a menos de cinco millóns de euros, recortándose en máis do 40%, "sen necesidade de ter que tomar medidas drásticas nin efectuar subas de taxas", di Xulio Barreiro.
"Ademais, a administración municipal vén liquidando nos últimos anos os seus exercicios anuais cun remanente de tesourería moi elevado" polo que "só co superávit que se obtivo coas liquidacións de 2019 e 2020 xa quedaría saldado este préstamo", sinala o titular de Facenda.
Por último, os dirixentes municipais reprochan ao PP que critiquen o nivel de débeda por habitante de Poio (algo máis de 300 euros), cando a débeda da Xunta de Galicia ascende a 3.000 euros por habitante en Poio, e iso a pesar do "esquecemento constante por parta do goberno autonómico cara o noso concello nos seus orzamentos anuais, que impiden o desenvolvemento de actuacións históricas pendentes de realizarse".
DESTINO DOS CARTOS
A finalidade do goberno local para estes cartos é dotar de cuberta ás pistas de tenis de Monte Baldío, na parroquia de Raxó (290.000 euros), a mellora do céspede sintético do campo de fútbol da Reiboa (200.000 euros), unha serie de reformas no Centro Cultural Xaime Illa e na Casa Museo de Colón (75.000 euros) ou a mellora da accesibilidade nas dependencias do Casal de Ferreirós, na Escola do Campo de Combarro e na biblioteca municipal de Campelo (75.000 euros).
A construción dun novo parque infantil (200.000 euros), a dotación de redes de saneamento e pluviais (165.000 euros), a construción de muros de contención (35.000 euros), a adquisición de terreos para estacionamento nas inmediacións do centro de saúde de Anafáns (70.000 euros) ou a reforma da PO-308 no tramo comprendido entre Andurique e A Barca (300.000 euros) completan estas actuacións.