Vilaboa quere erradicar o "turismo de residuos"
Por Redacción
O Concello de Vilaboa conta desde hai máis dunha década cun servizo gratuíto de recollida de residuos voluminosos, que no último ano 2020 retirou máis de 80 toneladas de aveños o que supón un incremento superior ao 8% con respecto ao exercicio anterior.
Con todo, a utilización deste servizo por parte da veciñanza de Vilaboa non implica a desaparición das verteduras incontroladas nas beiravías e zonas de monte illadas.
Son varios os "puntos negros" nos que a empresa encargada da prestación deste servizo de recollida de lixo ten detectada a aparición de verteduras.
A estrada nacional que une Pontevedra con Vigo e a zona de Postemirón son dúas deles, utilizados na maior parte dos casos por "persoas de fóra do municipio que aproveitan o paso por Vilaboa de madrugada pola noite para deixar colchóns, mobles vellos e ata restos de obra".
O Concello prepara unha campaña "que contribúa a erradicar este turismo de residuos que afea o municipio", segundo sinala o goberno local.
O alcalde de Vilaboa, César Poza, ten claro que Vilaboa ten un potencial ambiental e natural capaz de sustentar un desenvolvemento importante dun turismo de natureza. "Temos roteiros de sendeirismo atractivos e habilitaremos outras; temos recursos patrimoniais moi visitados e traballamos para que eses valores teñan unha tradución na dinamización económica de sectores como a hostalería, o comercio e os aloxamentos turísticos", sinalou.
César Poza sinala que para avanzar nese proxecto o Concello precisa a colaboración de toda a veciñanza. "Queremos que cando alguén escolla vir a Vilaboa a gozar dun día de descanso non se vaia coa imaxe de colchóns tirados polos camiños", di o rexedor.
Por iso César Poza lembra que o Concello ten ao dispor dos veciños dous teléfonos gratuítos para coordinar a recollida dos voluminosos. Quen queira desfacerse dun colchón ou calquera tipo de moble ten que chamar ao 900 720 190 ou ao 676 676 472 e informar o técnico de Urbaser do lugar onde o vai a deixar. A recollida é sempre os mércores pero é necesaria a comunicación previa xa que se realiza cun camión diferente ao dos residuos.
"Sabemos que hai empresas que se dedican á montaxe de mobles que despois tiran os que retiran das vivendas en calquera lugar; sabemos de traballadores pola súa conta da construción que evitan os puntos limpos e deixan o entullo nas nosas estradas. Estamos a recoller todo pero Vilaboa non é a entulleira da comarca e a isto temos que poñerlle freo", insiste César Poza.
As cifras anuais de recollida reflicten unha concienciación cada vez maior da poboación e un uso deste servizo municipal que se incrementou no ano da pandemia. Segundo se desprende das estadísticas facilitadas pola empresa de recollida de voluminosos no ano 2020 disparáronse as toneladas retiradas, pasando das 55,4 do ano 2019 e das 45,7 do 2018 ás 80,4.