Un doce marroquí, unha historia de superación e o Ramadán
Por Mónica Patxot & María José Pita
Citámonos coa familia de Fatima Zahra Elhmamssi para realizar as fotografías coas que ilustrar unha reportaxe sobre como se vive o Ramadán en Pontevedra. Fatima Zahra, o seu marido Mohamed e os seus dous fillos, de 9 e 3 anos. Á hora fixada, só acode a nai de familia e escúsase explicando que levan tan só ano e medio en España e que están encantados en contarnos como é o Ramadán, "no solo es ayuno, es mucho más", pero que prefiren non mostrar o seu rostro, á espera de completar a estancia mínima no noso país que lles permita regular a súa situación.
Fatima Zahra quere falar da súa comunidade, explicarnos como é o Ramadán a 1.500 quilómetros do seu fogar e tamén desmentir "eso que dicen que venimos a España a cobrar ayudas, nosotros estamos aquí con nuestros ahorros y si lo necesitásemos nos ayudaría la familia, hemos venido para darle un futuro a nuestros hijos".
En agradecemento por darlle voz tráenos de agasallo uns doces marroquís, chamados 'shebaquía', que elaborou con todo detalle na súa casa. Trátase dun doce feito con tiras de pasta rebozadas en mel e sésamo e aromatizadas con auga de azar, que ademais se consome precisamente no Ramadán. "Como en España el turrón en Navidad", a comparación non é casual, pronto nolo desvelará. Aquí empeza o seu relato.
"Ayunamos a partir de las 6:15 de la mañana hasta las 21:20 de la noche", nos explica, y a partir de esa hora "celebramos una comida especial en la que se junta toda la familia, no solo la de casa sino también primos o incluso amigos". Unha celebración diaria durante os 30 días que dura o Ramadán, este 2021 fixado do 13 de abril ao 12 de maio, e que, debido á pandemia da Covid, por segundo ano só poderán cumprir cos conviventes. Por iso apuntaba ao Nadal, porque máis aló do ritual relixioso, o que se valora é a celebración en familia, cunha comida nocturna especial e doces como o que mostra nas fotografías.
Fatima Zahra explícanos que os pratos que inxeren, ao ser de noite, son nutritivos pero non demasiado contundentes, como "una comida con tajin con carne, con pollo o con verduras, y la ensalada también es importante". Dentro destas carnes, non serve unha calquera. É coñecido que na cultura árabe non se consome carne de porco. Para as outras, deben abastecerse nunha carnicería 'halal'. "En Pontevedra hay dos, una en la calle cerca de la mezquita y otra en la plaza de la Pasarela". 'Halal' significa "lícito" no Islam e a carne "permitida" é aquela procedente de animais sacrificados conforme a unha tradición.
O xaxún está reservado aos adultos e, no caso dos menores, só a partir dos 12 anos, polo que os fillos de Fatima Zahra aínda non teñen que cumprir esta tradición. Outros colectivos que quedan exentos son as persoas enfermas, anciáns débiles, embarazadas ou mulleres coa menstruación.
Entre as normas do Ramadán, hai un horario para realizar as cinco oracións diarias, chamadas 'salat'. O primeiro rezo é ás 6:15 e o último ás 22:50. Fatima Zahra cóntanos que a pandemia tamén obrigou a adaptar esta práctica, ao ter a mesquita o aforo limitado. Na única que hai na cidade de Pontevedra, na rúa Gaiteiro de Soutelo, hai unha zona reservada para homes e outra para mulleres. Debido á situación sanitaria, os homes acoden en menor número e as mulleres prefiren facer os rezos na casa. Outra adaptación produciuse nas primeiras xornadas do Ramadán, onde o "toque de queda" ás 22 horas impedía acudir á mesquita para facer o último rezo do día, ás 22:50, que neste caso trasladábase ao interior das vivendas. Con todo, Fatima Zahra coméntanos que os horarios non son estritos, xa que ela asiste a clases de español que coinciden co 'salat' das 21:20 e estalle permitido rezar máis tarde.
DE FEZ A PONTEVEDRA
Hai ano e medio que Fatima Zahra e o seu marido Mohamed decidiron dar un xiro á súa vida e abandonar Fez, a terceira cidade máis poboada de Marrocos. "Lo más importante es la seguridad, que yo aquí puedo ir con mi hijo a jugar al parque y no tengo que controlarlo todo el tiempo como en Fez, y también el colegio es importante".
Non querían que os seus fillos se enfrontasen á falta de oportunidades en Marrocos, como lle ocorreu á protagonista desta reportaxe. Fatima Zahra chegou a cursar dous anos da carreira de árabe na Universidade pero tivo que deixar os estudos para empregarse nunha fábrica de costura. Quince anos despois, con casa en propiedade e diñeiro aforrado, ela e o seu marido reflexionaron sobre como querían que fose a vida dos seus fillos e decantáronse por Pontevedra.
Relátanos con orgullo que o neno maior, aos seus 9 anos, está plenamente integrado no colexio de Monteporreiro, ten amigos, domina o castelán e ata lle ensina algunhas palabras novas aos seus pais. A nai practica con el o idioma pero tamén quere que teña presentes as súas raíces árabes. "Ahora me dice que quiere aprender bien el gallego como sus amigos, y que no quiere saber nada del árabe", afirma cun suspiro, porque sabe que o seu fillo se atopa feliz en España e ata nota que nos estudos está máis avanzado que os nenos en Marrocos da súa mesma idade.
Fatima Zahra aos seus 36 anos confírmanos que ela representa á muller marroquí de hoxe, afastada dos estereotipos. "Me sorprende que hay mujeres que llevan 30 años aquí y no hablan español, son sus hijas las que las tienen que acompañar al médico o a cualquier sitio, pero con las más jóvenes ya no pasa". Está a aprender español de modo intensivo para sacarse o título da ESO e o Bacharel, porque os seus estudos en Marrocos non llos validan. E a partir de aí, "quiero seguir estudiando". De momento pensa en Enfermería pero non pecha ningunha porta. Comentámoslle que os colexios deberían ter horas de clases de árabe porque todas as culturas enriquecen e así o seu neno non renegaría da súa lingua. A Fatima Zahra ilumínanselle os ollos. Quen sabe, quizais o seu destino estea nunha aula ensinando árabe, a súa primeira vocación.