O ex director da Escola Naval toma o mando da operación europea fronte á piratería no Índico
Por Oskar Viéitez
O ex director da Escola Naval Militar de Marín e agora vicealmirante Jose María Núñez Torrente foi nomeado comandante da operación Atalanta, a misión da Unión Europea de loita contra a piratería no océano Índico, asumindo o mando desde este mesmo mércores.
A Operación Atalanta tamén ten como obxectivo protexer o envío de axuda humanitaria do Programa Mundial de Alimentos a Somalia e aos buques vulnerables que transiten na zona de operacións e foi prorrogada polo Consello da Unión Europea ata decembro de 2022.
Desde o pasado mes de febreiro Núñez Torrente é o comandante do Cuartel Xeral Marítimo de Alta Dispoñibilidade. O pasado ano serviu como xefe de operacións do compoñente marítimo da operación 'Balmis' contra o coronavirus.
Nacido en Ferrol en 1964, durante a súa traxectoria militar Núñez Torrente participou nas operacións en Afganistán e Iraq e exerceu como xefe de operacións da Aviación Naval española. No marco da OTAN foi xefe de Intelixencia da Forza Naval de Ataque e Apoio con sede en Nápoles.