SOS Sanidade Pública sae á rúa para demandar "a recuperación do sistema sanitario público"
Por Redacción & Mónica Patxot
A plataforma SOS Sanidade Pública saíu á rúa na noite deste mércores en todas as áreas sanitarias galegas para demandar a "recuperación do sistema sanitario público", máis danado na actualidade en plena pandemia da covid-19 como resultado de recortes e da potenciación da atención telefónica. Na área pontevedresa, decenas de persoas uníronse ás reivindicacións en Pontevedra, Marín, Poio ou Bueu.
A concentración máis numerosa tivo lugar na pontevedresa praza da Peregrina, á que asistiron representantes políticos e cargos públicos de BNG e PSOE, así como integrantes doutras forzas políticas como Anova. Entre os presentes estaban o secretario xeral dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero; a subdelegada do Goberno e secretaria local do PSOE, Maica Larriba; a concelleira do BNG de Pontevedra Carme da Silva; ou os deputados de BNG e PSOE Manuel Lorenzo e Paloma Castro.
Na Alameda de Marín ou na praza do Concello de Bueu tamén se deron cita decenas de persoas e en Poio non faltaron o presidente da Mesa da Sanidade, Xosé Luís Martínez; Antón Briones como presidente da plataforma local pola Sanidade; o alcalde, Luciano Sobral; e representantes de todos os grupos da Corporación.
En Poio, no inicio da protesta gardouse un minuto de silencio en memoria de todas as persoas falecidas durante a pandemia da covid-19. Este mesmo mércores, nesta localidade faleceu no seu domicilio unha muller de 101 anos.
Con estas mobilizacións buscaban reivindicar que se reactiven os centros de saúde e a atención médica presencial, un plan para afrontar as listas de agarda acumuladas, información transparente e acceso universal ás vacinas fronte á covid-19, o incremento do persoal, rematar coa precariedade e a inestabilidade laboral e un rexeitamento da Lei Galega de Saúde.