Destacadas referentes na xestión pública reivindican a "imprescindible" voz das mulleres nas administracións
Por Oskar Viéitez
Dende o Salón de Plenos da Deputación de Pontevedra e cun auditorio virtual de máis de 300 persoas desenvolveuse este xoves a xornada da Escola de Igualdade María Vinyals sobre o papel das mulleres da administración pública no liderado da Axenda 2030.
Esta actividade está organizada pola Deputación de Pontevedra en colaboración coa Universidade de Santiago e conta cunha vintena de expertas moi recoñecidas para reflexionar sobre a necesidade da voz das mulleres na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), dende a xestión pública en eidos como o socio-sanitario, a investigación, a educación pública, o liderado institucional, o urbanismo sostible e o mundo local.
Na apertura da xornada a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, fixo toda unha declaración de intencións ao sinalar que "se queremos un mundo mellor e dar cumprimento aos ODS que plantexa Nacións Unidas, que serán a salvagarda da humanidade, as mulleres temos que estar propoñendo, demandando, actuando e esixindo dende unha mirada propia".
Carmela Silva reivindicou que nas administracións públicas as mulleres "somos maioría, porque aprobamos maioritariamente as oposicións, pero nas direccións a presenza de mulleres é minoritaria".
A directora da Cátedra Iberoamericana da Universidade de Santiago de Compostela, María Cadaval, subliñou que a administración pública "non se pode permitir o luxo de perder a metade do talento" que aportan as mulleres, e insistiu en que "a realidade é que teñen presenza cativa nos niveis máis altos, nos que se toman as decisións, porque o mérito e a capacidade quedan acotados con teitos de cristal que moitas veces custa romper incluso máis que noutro tipo de actividades".
Pola súa banda, a directora da xornada, María Xosé Rodríguez Galdo, destacou que "tras o mazazo da covid, que ten cuestionado todo, é imprescindible impulsar o rol das mulleres nos cambios para o futuro".
Na mesa sobre o papel das mulleres no liderado dos servizos sociosanitarios, reflexionouse sobre os obstáculos aos que enfrontan as mulleres e a escasa presenza nos medios pese a ser as impulsoras, por exemplo, das vacinas para facer fronte á covid.
A segunda das mesas redondas abordou o papel das mulleres en prol da investigación e da educación pública de calidade e nela puxéronse de relevo datos como que menos do 30% da investigación ten nome de muller, que só o 3% escollen carreiras TIC ou que só hai un 8% de reitoras a nivel nacional.
Esta xornada terá unha segunda parte que se celebrará o xoves 29 de abril e contará coa intervención, entre outras destacadas referentes, da Vicepresidenta do Goberno de España e Ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, coa presidenta do Consello do Estado, María Teresa Fernández de la Vega e coa avogada xeral do Estado, Consuelo Castro.
Relacionadas:
-
Vinte mulleres referentes para unha "reapertura de Óscar" da Escola de Igualdade María Vinyals
Por Natalia Puga |
-
Fernández de la Vega e Teresa Ribera reivindican o protagonismo das mulleres na Axenda 2030
Por Oskar Viéitez |
-
O liderado feminino e as cidades sostibles, a debate este xoves na Escola María Vinyals
Por Redacción |
-
Fernández de la Vega e Teresa Ribera participarán nunha xornada da Escola María Vinyals
Por Redacción |
-
A Escola de Igualdade María Vinyals abordará o papel das mulleres na administración pública do futuro
Por Oskar Viéitez |