Paso adiante para crear a Mancomunidade de Cuntis, Caldas, Moraña, Barro e Portas
Por Redacción
Os concellos de Cuntis, Caldas de Reis, Moraña, Barro e Portas acordaron este xoves 22 de abril crear unha nova mancomunidade.
A intención destes municipios é establecer unha organización con base xurídica e administrativa que permita compartir servizos e ofrecer unha maior operatividade para favorecer as persoas residentes nos cinco concellos integrantes.
O Concello de Cuntis establécese como sede social deste novo organismo. Durante o encontro, alcaldes e representantes dos gobernos municipais decidían iniciar os trámites para a constitución deste ente de carácter supramunicipal en próximas datas.
Segundo manifestan xa se realizaron varios contactos previos coa intención de chegar a un acordo que hoxe se concretaba. Manuel Campos, alcalde de Cuntis, sinala que son concellos que xa contan con moitos servizos en común e entende que esta mancomunidade supoñerá un impulso "moi importante" para ofrecer iniciativas novas nesta zona, ademais de reforzar as actividades e servizos que xa ofrecen agora en conxunto.
A intención dos integrantes é que a mancomunidade poida captar máis fondos e desenvolver propostas en común exercendo máis forza diante doutras administracións que, en solitario, serían máis complexas de realizar, segundo apunta Manuel Campos.
Relacionadas:
-
Cuntis programa andainas, concertos e un programa de voluntariado para iniciar o verán
Por Redacción |
-
Cuntis, Caldas, Moraña, Portas e Barro realizarán estudos de viabilidade para prestar servizos mancomunados
Por Redacción |
-
Investimento de 100.000 euros para reducir o consumo eléctrico de Moraña nun 68%
Por Redacción |
-
Comezan as obras de protección viaria en Rebón de Arriba e Paraños
Por Redacción |