Activan bonos de 30 euros en descontos para reactivar o comercio local
Por Redacción
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou esta tarde na capital provincial da posta en marcha do programa Bonos Activa Comercio por parte da Consellería de Economía, Empresa e Innovación co obxectivo de favorecer e impulsar a reactivación do comercio local e de proximidade.
Esta iniciativa despregará un total de 330.000 bonos, orientados a todas os galegos maiores de idade, cun orzamento total de 10 millóns de euros.
"Cremos que é o momento de incentivar tendas e comercios con esta importante inxección económica a través dos cidadáns, aos que lles pido que aposten polo comercio local", indicou.
O representante autonómico detallou todas as cuestións desta medida, que se poden consultar na páxina web www.bonosactivacomercio.gal, nunha visita realizada ao establecemento Miller Vintage Running Club, emprazado na rúa Peregrina de Pontevedra, xunto ao seu propietario, Víctor Riobó, e os presidentes de Aempe, José María Corujo, e Zona Monumental, Miguel Ángel Lago.
Os comercios interesados en adherirse a esta campaña teñen aberto o prazo de inscrición ata o vindeiro 15 de maio, aínda que a relación dos mesmos darase a coñecer dende o próximo día 3. Estes establecementos poden formalizar a súa participación a través da páxina web desta iniciativa.
En canto aos consumidores, deberán darse de alta no portal dos Bonos Activa Comercio en Internet facilitando os seus datos ou de xeito presencial nas sedes da Dirección Xeral de Comercio ou as xefaturas territoriais da Consellería.
Nese intre, poderán descargar o bono de 30 euros, que ten formato dixital a través dun código QR que estará dispoñible para a súa utilización na aplicación móbil Wallet, e gozar de descontos nas súas compras -a pagar en efectivo ou con tarxeta bancaria- nos establecementos adheridos. A previsión é que os clientes poidan usar o bono a partir da primeira semana de maio.
As rebaixas serán de 5 euros para as operacións iguais ou superiores a 30 euros e de 10 no caso das compras iguais ou superiores a 50.
"Presentamos unha medida novidosa e excepcional, pero cremos que a situación o require para animar o consumo e empuxar ao comercio local, que é garantía de calidade e o que dá vida ás nosas vilas e aos nosos barrios", sinalou o delegado territorial.
Se a campaña culmina con éxito e se emprega o 100% da contía dos bonos, "inxectaranse, só con esta iniciativa, ao redor de 55 millóns de euros nos establecementos de proximidade, o cal consideramos un punto de partida máis que interesante para a reactivación do sector".
Relacionadas:
-
Identifican seis mulleres, dúas delas menores, por furtar roupa nas rebaixas
Por Redacción |
-
O Bono activa comercio conta xa con máis de 3.000 beneficiarios na cidade de Pontevedra
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Preto de 31.000 pontevedreses xa descargaron o Bono Activa Comercio da Xunta
Por Redacción |
-
Xa se poden pedir os bonos desconto da Xunta para realizar compras no comercio de proximidade
Por Oskar Viéitez |