Critican os "desplantes" da Xunta co partido xudicial de Vilagarcía, "un dos máis colapsados de Galicia"
Por Redacción
O sindicato Alternativas na Xustiza-CUT criticou este venres os "desplantes" da Xunta de Galicia co partido xudicial de Vilagarcía. Aseguran que "foron moitos e variados" e céntranse de forma especial en que o Goberno galego leva dez anos sen demandar ao Ministerio de Xustiza a creación do cuarto xulgado que xa fora aprobada no ano 2010 e logo paralizada pola crise económica.
En opinión de Pablo Valeiras, deste sindicato, esta década é "o culmen do desprezo" da actual Xunta de Galicia con un partido xudicial que é "un dos máis colapsados de Galicia". Como exemplo, aseguran que cada xulgado de Vilagarcía soporta 59% máis de asuntos que cada xulgado de Cambados.
En trámite nos xulgados de Vilagarcía ao final do ano 2020 quedaron 2.504 procedementos, unha media de 834 por xulgado, en cada xulgado de Vilagarcía entra un 15% máis de procedementos que no de Cambados e a pendencia a final de ano en Vilagarcía rematou un case un 48% de media por riba de Cambados.
Alternativas na Xustiza-CUT lembra que durante estes anos os arquivos xudiciais inundáronse e negáronse ou reducíronse neste partido xudicial as distintas medidas de reforzo solicitadas polo Consello Xeral do Poder Xudicial e o Tribunal Superior de Xustiza. "Foron negadas directamente unhas veces ou reducidas ao máximo noutras", sosteñen.
A última vez que se retiraron eses reforzos foi o mes pasado, "sen previo aviso e sen cambiar as circunstancias polas que se aprobaron". Segundo critican, "o Director Xeral, a través dun cutre oficio, informou da eliminación das medidas de reforzo dos Xulgados 1 e 2 e sen dar a menor oportunidade aos letrados do xulgado a presentar alegacións".
Ademais, critican que o vicepresidente da Xunta e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, non lles respondeu a unha petición realizada por este sindicato para manter unha reunión e abordar este tema.
Relacionadas:
-
Instalan un detector de metais nos Xulgados de Cambados
Por Redacción |
-
Dous novos positivos por Covid-19 nos xulgados de Pontevedra levan aos sindicatos a pedir maior prevención
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Critican que non se reubique a funcionarios xudiciais noutras sedes pese a haber espazos dispoñibles
Por Redacción |
-
Os sindicatos rexeitan os servizos mínimos e esixen o peche dos xulgados
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada