A Universidade instalarase no edificio da Xunta en Benito Corbal a finais de xuño
Por Manu Otero
As obras das plantas quinta, sexta e sétima do edificio adminsitrativo da Xunta en Benito Corbal entran na súa fase final e estarán terminadas a finais de xuño para dar acubillo a espazos de traballo, de formación e investigación do campus de Pontevedra da Universidade de Vigo.
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, o reitor Manuel Reigosa; e o vicerreitor do campus pontevedrés, Jorge Soto, percorreron este venres as tres plantas que o executivo autonómico cederá á Universidade en pleno corazón da Boa Vila.
"Este edificio vai ser un pulmón de talento", dixo o vicerreitor Soto durante a súa intervención, na que puxo en valor o potencial do Campus Crea, que engloba as ramas de Arte, Comunicación, Educación, Deporte, Saúde, Administración e Medio Ambiente ás que pertencen as 25 titulacións que se imparten na Xunqueira.
A intención do equipo directivo da Universidade é empregar a quinta planta deste edificio para un coworking, a sexta, para formación; e a sétima, para espazos de traballo e investigación. "Este edificio incrementará o valor académico do campus de Pontevedra, que crece cada día", engadiu Soto.
No mesmo sentido pronunciouse o reitor. "É importante estar no corazón da cidade e este edificio vai ser importante tamén para a docencia, a investigación e a transferencia", dixo Manuel Reigosa, facendo fincapé nos tres piares sobre os que traballa o reitorado da Uvigo.
Concretou o dirixente algúns dos usos que darán a estas instalacións. Un grupo de investigación liderado polo doutor Mario Pansera, ao que a cidade e o proxecto da Universidade de Vigo convenceron para establecerse en Pontevedra e rexeitar ofertas doutras universidades. Tamén haberá espazo para a docencia da titulación de Deseño, que incorporará a curto prazo converténdose na sétima universidade de España en ofrecer esta rama.
Estas tres plantas resultarán tamén fundamentais para fortalecer o Campus Crea a través de laboratorios específicos e de uso compartido.
O encargado de pechar a presentación foi o vicepresidente Rueda, que destacou o traballo realizado polo reitorado da Universidade de Vigo e tamén a riqueza que xerou a restauración deste edificio para a cidade.
"O edificio estaba en ruína", lembrou o mandatario popular para subliñar que agora conta cunhas oficinas de emprego modernas, locais para o tecido asociativo da cidade, tres plantas para a Universidade de Vigo e unha oitava, que se inaugurará pronto, para a Fundación Manuel Moldes, que contará con dúas salas polivalentes para realizar exposicións.
Relacionadas:
-
O campus estrea unha estación de reparación de bicicletas
Por Redacción |
-
A Universidade inicia os trámites para crear as novas facultades de Deseño e Dirección e Xestión Pública
Por Redacción |
-
A Xunta rematará en marzo a reforma dos últimos andares do seu edificio en Benito Corbal
Por Redacción |
-
O grao en Deseño e Creación terá espazos propios no edificio administrativo de Benito Corbal
Por Alejandro Espiño |