O centro de formación e inserción laboral da Fundación Juan XXIII estará rematado en setembro
Por Redacción
Os traballos de construción do novo centro de formación ocupacional e inserción laboral da Fundación para a Discapacidade e Emprego Juan XXIII están "executadas nun 70%", polo que agardan telo "rematado no mes de setembro".
Así o confirmou Diego Chapela, director da Fundación, a Marcos Rey, concelleiro de Benestar Social, durante a súa visita á rúa Santa Lucía, no barrio de Campolongo, onde se está a construír este centro.
Segundo avanzou Chapela, esta data está "condicionada ao avance das obras de urbanización que vai iniciar a ONCE e que permitirían pechar perimetralmente a parcela e completar a urbanización". Nos vindeiros días", indicou, poranse en marcha as obras de urbanización interior da parcela e a construción de muros de pedra na fachada que linda coa urbanización de San Brais.
Pola súa banda, Rey subliñou a importancia desta infraestructura, que prestará servizos de mellora da empregabilidade e promoción do emprego para máis de 200 persoas con discapacidade, esencialmente intelectual, de Pontevedra e a súa comarca e xerará dez postos de traballo estables a persoas con diversidade intelectual no Centro Especial de Emprego.
O edificio ocupará unha superficie construída de 600 metros cadrados, liberará os espazos que a Asociación Juan XXIII lle cedera á fundación na súa sede de Pontevedra e posibilitará a creación dun centro de Formación Profesional homologado en base aos estándares da Xunta.
A fundación conta con homologar, tres especialidades formativas: xardinería, xestión forestal e conservación do medio ambiente.
A construción está realizada cun orzamento duns 438.000 euros e está en avanzado estado de execución. Terá unha planta baixa dedicada a oficinas, despachos de orientación, aulas de formación, sala de convivencia e comedor e unha zona destinada a usos produtivos propios do Centro Especial de Emprego, que se distribuirá entre a planta baixa e o soto, almacéns de combustibles e maquinaria, taller de reparación, aseos, duchas e vestiarios.
Entre os obxectivos do proxecto inclúen a mellora da ratio de espazos por persoa e da calidade de vida dos traballadores con discapacidade con espazos de encontro social e descanso; a optimización da dotación de recursos técnicos e espazos que garantan a privacidade e a calidez na prestación de servizos de orientación e de apoio persoal, e o incremento da superficie destinada a almacéns e ao taller de mantemento de maquinaria, mellorando así os sistemas de xestión de mercancías e as condicións de seguridade das instalacións cun almacén destinado a combustibles e aceites.
Relacionadas:
-
As redes sociais poñen de moda as fregonas que Xoán XXIII elabora para Froiz
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
A limpeza das praias de Marín estará a cargo da Fundación Juan XXIII
Por Redacción |
-
As obras nos terreos da ONCE comezarán a finais de abril
Por Redacción |
-
Benestar Social tende a man á Asociación Xoán XXIII para asinar un convenio de colaboración
Por Redacción |