Activan un operativo de tráfico na contorna de Anafáns para o proceso de vacinación
Por Redacción
O Centro de Saúde de Anafáns, na parroquia de San Salvador, retomará este luns 26 de abril o proceso de vacinación contra a covid-19. A fin de garantir o acceso ás persoas convocadas e a fluidez do tráfico rodado nas inmediacións das dependencias sanitarias, a Policía Local de Poio ten previsto despregar un operativo especial de seguridade.
A concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, explica que o obxectivo é evitar posibles atascos de vehículos e poder garantir que se manteñan as pertinentes distancias de seguridade en todo momento.
A edil do goberno local tamén fai un chamamento para que todas aquelas persoas que estean convocadas para ser vacinadas se acheguen ao centro de saúde á hora decretada polo Servizo Galego de Saúde, "o que tamén axudará a garantir unha maior axilidade no proceso".
O Concello tamén fai fincapé na "importancia capital" de que todas as persoas chamadas para recibir as doses participen na campaña de vacinación, xa que "este é un proceso fundamental para tratar de reducir ao máximo a incidencia do virus".
Ademais, a titular de Seguridade Cidadá anunciou que o Concello está a estudar posibles cambios de sinalización na contorna deste centro de saúde. A meta que se busca é acabar cos atascos e os problemas de aglomeración de vehículos que se producen na zona.
"Son medidas que axudarán a mellorar os accesos e a tratar de paliar os colapsos que se rexistran aquí habitualmente, garantindo, ademais, a seguridade dos peóns e dos usuarios e usuarias que se trasladan ao centro de saúde de Anafáns a pé", conclúe Marga Caldas.