Trimestre do Orgullo no instituto de Poio
Por Redacción
Dar visibilidade á diversidade de identidade sexual e fomentar valores sobre igualdade son os obxectivos dunha serie de iniciativas que vai a desenvolver o IES Poio durante o último trimestre do curso lectivo actual, a través dunha programación na que tamén colaboran activamente a Concellería de Igualdade, dirixida pola edil de Avante Poio, Silvia Díaz, e o CIM.
Unha das primeiras citas terá lugar o vindeiro luns, 26 de abril, co gallo do Día da Visibilidade Lésbica. A compañía teatral d'A Panadaría presentará a obra "Elisa e Marcela".
Trátase dunha representación que terá lugar ás 16.30 horas e está dirixida ao alumnado de terceiro e cuarto da ESO, así como para estudantes de primeiro e segundo de Bacharelato.
Este espectáculo, que fala sobre a historia real do primeiro matrimonio lésbico, recibiu grandes eloxios da crítica e diferentes recoñecementos, incluíndo o Premio a Mellor Espectáculo María Casares 2018, así como galardóns ás actrices, ao texto e a dirección, premios do público e premios de igualdade e LGTBIQ+.
Ademais, o IES tamén ten en marcha o concurso fotográfico Visibles e divers@s, convocado por Sementes de liberdade. A través desta iniciativa, A asemblea feminista-LGTB do alumnado do centro educativo poiense márcase como meta expresar a través da imaxe as diferentes formas de visibilización LGTB+.
A participación nesta actividade está aberta para todo o alumnado do instituto, tal e como explica a organización. A correspondente entrega de premios terá lugar o martes 18 de maio, xornada na que tamén se desenvolverá un acto contra a ‘LGTBfobia’. Será, deste xeito, 24 horas máis tarde do Día Internacional que se conmemora para loitar contra a discriminación e garantir os dereitos das persoas. A concelleira de Igualdade formará parte do xurado encargado de valorar as fotografías que se presenten a concurso.
O programa deste Trimestre do Orgullo completarase con outras iniciativas, como un photocall e charlas e conversas en directo, que se poderán seguir a través do perfil de Sementes en Liberdade en Instagram (@sementesdeliberdade).
Silvia Díaz salienta a importancia de educar no respecto e na diversidade e agradece a implicación da dirección do IES e o traballo do propio alumnado á hora de fomentar valores de igualdade e comprometerse na loita dos dereitos das persoas LGTBIQ+.
Relacionadas:
-
O pleno aproba unha moción a favor da igualdade e da visibilización do colectivo LGTBI
Por Redacción |
-
Trinta fotografías para visibilizar a diversidade de xénero no IES de Poio
Por Redacción |
-
A historia do primeiro matrimonio lésbico en Galicia pon en pé ao público do Principal
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |