Vilaboa considera unha "deslealdade" a concesión ao Náutico dunha zona para aparcamento privado
Por Oskar Viéitez
O Concello de Vilaboa tilda de "deslealdade institucional" a concesión da Autoridade Portuaria ao Club Náutico de San Adrián de Cobres para o acondicionamento dunha zona de aparcamento reservada exclusivamente a socios desta entidade privada.
O alcalde de Vilaboa, César Poza, remitiu á Autoridade Portuaria un requerimento de información sobre este expediente, ao non constar notificación nin documentación ningunha sobre esta cuestión nas dependencias municipais.
"Descoñecemos as condicións e as características da referida concesión e tampouco temos datos sobre a zona afectada", dixo César Poza que trasladou á Autoridade Portuaria o malestar do Goberno de Vilaboa pola tramitación dunha concesión dunha zona pública para que sexa explotada por unha entidade privada sen ter en conta ao Concello de Vilaboa.
Poza aproveitou tamén para adiantar o "total rexeitamento do Goberno local á cesión de calquera espazo para uso privado nese lugar".