Organizan un congreso internacional en Pontevedra para aprender sobre creatividade
Por Redacción
En Valencia no ano 2018 celebrábase un simposio bianual dirixido a profesorado de creatividade publicitaria para compartir experiencias comúns. Alí decidían organizar un congreso para tratar estas temáticas a estudantes e a investigadores. Desta forma nacía o I Congreso Internacional Creatividade e Universidade, que chega os días 27 e 28 de maio á sede da Vicerreitoría do campus de Pontevedra na Casa das Campás.
Este encontro, previsto para 2020, que se tivo que trasladar a 2021 pola pandemia conta co lema 'Pensar creando, crear pensando', segundo recolle o DUVI. A profesora de Ciencias Sociais do campus, Montse Vázquez, é a responsable da coordinación cos docentes Iván Puentes e Ana Belén Fernández Souto, ademais da profesora Teresa Ruao da Universidade do Minho.
A intención é que se poida desenvolver en forma presencial, pero tamén se estuda a fórmula semipresencial e a virtual, dependendo da situación sanitaria.
O congreso iniciarase o xoves 27 cunha conferencia de Francisco García, catedrático de Comunicación Audiovisual e Publicidade da Universidade Complutense de Madrid, na que analizará a creatividade no mundo actual, cos cambios que se rexistraron durante os últimos meses. Nesa mesma xornada desenvolverase o décimo simposio de profesores de creatividade.
O venres 28 será a quenda para unha mesa de debate moderada por Fernández Souto e coa participación da deseñadora da axencia Metronoventa, Ana Moas, a creativa de DoubleYou Umá de Oliveiray a egresada Mónica Bastón, responsable da forma Leónlagata.
O congreso concluirá cunha conferencia de Jesús Pérez Seoane, da Dirección Xeral de Medios da Xunta de Galicia, que tratará a perspectiva das campañas institucionais sobre a covid-19.