Avanza o proxecto para pavimentar a pista de acceso a Outeiro en Caldas de Reis
Por Redacción
O Concello de Caldas de Reis levará a cabo un proxecto para a mellora da pista que dá acceso ao lugar de Outeiro desde a estrada EP-8003 na parroquia de Bemil.
Así o confirmaba o concelleiro de Obras e Infraestruturas, Manuel González, tras recibir nas últimas horas a resolución favorable da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) sobre a subvención solicitada a este organismo ao abeiro do Plan de Mellora de Camiños de Titularidade Municipal. En concreto, a subvención recibida para esta actuación ascende a 41.690 euros correspondentes ás anualidades 2021 e 2022.
A pavimentación deste acceso súmase á executada na parroquia de San Clemente, neste caso para mellorar a pista que comunica os núcleos de Faramentáns e Fieitoso, que se levou a cabo mediante un investimento de 42.662 euros procedentes do Plan Marco da Xunta de Galicia.
O camiño sobre o que se pretende actuar neste novo proxecto de mellora de infraestruturas rurais presenta un pavimento deteriorado polo uso e o paso do tempo. Ten unha lonxitude de 855 metros e posúe un ancho variable. Debido ás súas condicións actuais é necesaria a reposición do seu firme e a limpeza das cunetas por motivos de seguridade e comodidade para vehículos e peóns. Prevese tamén a instalación dun sinal de STOP no cruzamento coa EP-8003 para regular o tráfico no acceso á estrada provincial desde o camiño obxecto desta actuación.
Manuel González destaca que esta obra servirá para mellorar moito as comunicacións entre os núcleos rurais de Outeiro e Paradela, ambos na parroquia de Bemil. O edil de Obras e Infraestruturas salienta que o Concello mantén un seguimento regrado do estado dos viais municipais co obxecto de poder planificar as actuacións e ilas executando en función da dispoñibilidade orzamentaria. "O proxecto suporá un avance moi significativo no estado de conservación e mantemento do conxunto de accesos da parroquia de Bemil", explica González.
Pola súa banda, o alcalde, Juan Manuel Rey, quen é tamén delegado da parroquia de Bemil, lembra o compromiso do Concello e "os esforzos continuos do goberno local para mellorar infraestruturas e servizos do rural" e engade que con este novo proxecto de pavimentación se "dará resposta a unha demanda importante da veciñanza da parroquia".