Poda primaveral das washingtonias da contorna de Vila Pilar e da Praza de España
Por Redacción
O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, achegouse este mércores ata a rúa Marqués de Riestra para supervisar o inicio dos traballos de poda e posta a punto das washingtonias robustas que a empresa de Eduardo Penedo Padín, enxeñeiro técnico forestal e especialista en arboricultura, realizou no contorno de Vila Pilar e a Praza de España.
Estas actuacións forman parte dunha poda primaveral na que se investen 10.000 euros e que terá continuidade coa poda das palmeiras dos Xardíns de Vincenti, actuando nunha trintena de exemplares.
Os traballos, para os que se está a empregar un camión-guindastre dotado dun cesto para operar en altura, abrangue o corte das pólas das dúas liñas de exemplares que presiden o paseo principal do parque das Palmeiras, así como da agrupación de washingtonias emprazada nas inmediacións de Vila Pilar e a outra illada na Praza de España, rematadas no día de hoxe.
A intervención tamén contempla a poda dun tilo de gran porte e a revisión e substitución dos sistemas de ancoraxe desta e doutras árbores senlleiras situadas nos Xardíns de Vincenti, coa axeitada retirada e tratamento dos restos.