O pleno de Poio aproba a petición dun préstamo de 2,7 millóns de euros
Por Oskar Viéitez
O pleno do Concello de Poio aprobou na sesión ordinaria de abril, celebrada o martes, a aprobación para a obtención dun crédito que rolda os 2,7 millóns de euros.
Estes cartos servirán para impulsar un gran número de actuacións e obras "estratéxicas e de gran importancia, que redundarán na mellora de servizos, infraestruturas e, en definitiva, na calidade de vida da veciñanza", tal e como explicaron os integrantes do goberno municipal durante as diferentes quendas de intervencións.
O préstamo contará cun interese ao 0% e amortizable a 17 anos, "sen condicionar a capacidade da administración local no que á amortización de débeda se refire", tal e como aclarou o titular de Facenda, Xulio Barreiro.
O edil nacionalista lembrou que a porcentaxe de débeda pasará a final de ano do 44% actual ao 64%, contando aínda "cunha marxe importante" ata chegar ao 75% (1,4 millóns máis) o tope máximo que marca a lei (é posible acadar o 110%, pero cos pertinentes permisos previos).
O voceiro do Partido Popular, Ángel Moldes, explicou no pleno que "todas as actuacións coas que pretende xustificar o préstamo o tripartito xa podían estar feitas e pagadas sen necesidade de endebedarse" e puxo coma exemplo que outros concellos "fixeron modificacións de crédito de partidas das festas que non se celebraron pola COVID para pagar obras e investimentos e en Poio a maioría dos cartos foron para pagar facturas que estaban no caixón por non pagalas en tempo e forma".
Xulio Barreiro acusou aos populares de "non poder caer máis baixo", e replicou que ese remanente de tesourería do ano 2020 (máis dun millón de euros) "vaise utilizar na mellora de alumeado público, na compra de terreos para que a Xunta constrúa o novo centro de saúde e, en definitiva, en diferentes actuacións, quedando, incluso, 300.000 euros pendentes de uso".
O voceiro popular sinalou que "en menos de dous anos, o tripartito, pediu máis de catro millóns de euros e elevaron a débeda ata aos 9 millóns de euros polo que queda claro que a única xestión que entende o tripartito é a de subir impostos e pedir prestamos". O PP votou en contra da obtención do préstamo.
A titular de Participación Veciñal e Transparencia, Silvia Díaz (Avante Poio), recordou que tamén se impulsarán con estes cartos convenios para a obtención de fondos europeos e invitou ao PP a que "revisen as actas plenarias" nas que xa se tratou este asunto. "Se fose por vostedes, o equipo de goberno non xestionaría e teríamos un Concello paralizado e bloqueado", lamentou.
O concelleiro de Urbanismo, Gregorio Agís (PSOE), referiuse ás supostas dificultades económicas da administración local afirmando que o PP "leva 25 anos realizando eses anuncios de supostas hecatombes, cando a realidade amosa o contrario". No caso do remanente, o socialista incidiu en que "hai uns proxectos asignados con nomes e apelidos. O discurso do PP non casa coa realidade, porque está noutra paralela".
Relacionadas:
-
O Concello de Poio firmará co banco BBVA un préstamo de 2,7 millóns de euros
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
O goberno local defende que un préstamo de máis de dous millóns de euros é "perfectamente asumible" para Poio
Por Oskar Viéitez |
-
O PP afirma que goberno local converterá a Poio no concello con máis débeda da provincia
Por Oskar Viéitez |