A Xunta entrega tres vivendas de promoción pública a tres familias en Monte Porreiro
Por Manu Otero & Mónica Patxot
A Xunta de Galicia entregou este mércores tres vivendas de promoción pública no barrio pontevedrés de Monte Porreiro tras investir preto de 200.000 euros nas obras de rehabilitación do edificio, que se centraron fundamentalmente en aspectos enerxéticos e na mellora da eficiencia do inmoble.
No acto de entrega de chaves ás familias adxudicatarias estivo a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, quen explicou que grazas á intervención realizada polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), os novos inquilinos poderán acceder a pisos de 74 metros cadrados útiles con tres dormitorios, terraza particular, rocho e patio común a cambio dun alugueiro de 91 euros ao mes. Ademais, o inmoble tamén conta cun local comercial no baixo.
"Un dos obxectivos da Xunta é rehabilitar o xa construido, poñelo en valor e facilitarlle as familias o acceso a unha vivenda", declarou a conselleira, que do mesmo xeito que o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López, quixo aproveitar para felicitar en particular ás tres familias adxudicatarias "polo seu novo fogar".
Neste caso concreto, ademais, a responsable autonómica explicou que os traballos de recuperación do inmoble centráronse sobre todo en aspectos enerxéticos co fin de garantir o máximo confort dos veciños e reducir no posible os seus consumos.
A cidade de Pontevedra suma así un novo local comercial e tres Vivendas de Promoción Pública (VPP) ao seu actual parque público que, como lembrou a conselleira, conta nestes momentos con aproximadamente 600 vivendas protexidas de diferentes tipoloxía e continúa incorporando novos inmobles.
Neste sentido, Ángeles Vázquez quixo subliñar especialmente o crecemento experimentado polo barrio de Monte Porreiro desde o punto de vista residencial, unha zona na que, dixo, a Xunta leva investidos nos últimos anos máis de dous millóns de euros.
En concreto, lembrou que na rúa Bélxica tamén se executaron o ano pasado obras de mellora da eficiencia enerxética nun total de 79 vivendas, unha actuación na que o IGVS investiu máis de medio millón de euros; e que no ano 2013 a Xunta acometeu unha mellora da urbanización no barrio por un importe de 1,35 millóns de euros
Esta actuación está incluída no Pacto Social pola Vivenda 2021-2025, un programa que no orzamento da consellería concentra 72 millóns de euros, dos que a metade se destinarán tanto a actuacións directas como ao financiamento de distintos tipos de axudas en materia de rehabilitación e renovación urbanas.
En todo caso, a conselleira lembrou que o IGVS tamén segue apostando pola promoción de vivenda pública de nova construción. Así, explicou que no marco do concurso de chan residencial convocado por Xestur o ano pasado, dúas cooperativas fixéronse con outros tantos solares na cidade de Pontevedra e avanzou que nas mesmas proxéctanse 33 novas vivendas de promoción pública, a metade das cales xa contan con licenza de construción.