Cerdedo-Cotobade instala purificadores de aire nas súas sedes municipais
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de adquirir para as sedes municipais de Cerdedo e Carballedo sendos equipos purificadores de aire con filtro True Hepa indicado para actuar fronte a virus, bacterias, alérxenos, fungos, mohos, cheiros e contaminantes presentes no aire.
Esta iniciativa pretende reforzar a seguridade tanto dos traballadores como das persoas que se acheguen a calquera destas depedencias municipais a realizar calquera trámite presencial.
Segundo o alcalde, Jorge Cubela, a incorporación destes elementos "vai redundar aínda máis" nos labores preventivos e nos protocolos que se seguen nos edificios municipais fronte á covid-19 coa vantaxe de que "ademais de recurrir á ventilación cruzada actuaremos con estes aparatos especialmente deseñados para purificar o aire cunha eficacia próxima ao 100%"
Estes aparatos, engadiu Cubela, "nos dará certa tranquilidade na preservación da seguridade sanitaria dos traballadores do Concello e tamén dos veciños e veciñas que se acheguen ata estas dependencias municipais".