Vilaboa rehabilitará o forno do cal para convertelo nun novo activo turístico
Por Redacción
O Concello de Vilaboa quere recuperar o forno do cal situado en San Adrián de Cobres. Trátase dun elemento singular do patrimonio industrial de Vilaboa que o Concello confía en converter nun novo activo turístico.
O proxecto, presentado ao GALP Ría de Vigo e proposto con boa puntuación para que a Consellería do Mar autorice a financiación, inclúe a rehabilitación da estrutura, o acondicionamento do entorno e a posta en valor do mesmo cun orzamento que ronda os 120.000 euros e unha actuación a executar en dúas anualidades.
O Concello comezou xa a tramitación dos permisos sectoriais necesarios para a realización da actuación ante Costas, Medio Ambiente e Patrimonio.
O forno do cal está situado nun terreo propiedade da empresa Pescapuerta, que colabora co Concello para desenvolver esta iniciativa cedendo o uso e os terreos para facer o proxecto. O Concello asinou tamén un acordo coa comunidade de montes de San Adrián para a cesión dos terrenos colindantes que permitirán o acondicionamento da zona que vai desde a ponte de Rande ata a Punta de Atravesada.
En San Adrián e Santa Cristina de Cobres, parroquias onde residían boa parte dos traballadores deste forno que se mantivo activo ata a década dos 60, quedan ainda testemuñas vivas dun oficio moi duro no que as tarefas das mulleres eran ben diferentes das que realizaban os homes.
Precisamente esta singularidade foi obxecto dun traballo desenvolvido por profesorado e alumnado do colexio do Toural e da Asociación de Mulleres de Vilaboa. Ambos apoian a iniciativa, ao igual que a comunidade de montes, o Museo Etnolóxico de Ribadavia e o colexio de Riomaior.
Ademáis da recuperación do forno, o proxecto do Concello inclúe a instalación duns paneis informativos que divulguen esta actividade industrial con certas particularidades como o feito de que a mercancía para facer a cal chegáballe por mar para facer unha produción intensa destinada sobre todo á construción, xa que o encalado das vivendas era o xeito máis común de sanealas e protexelas da entrada de insectos a metade do século XX.
Relacionadas:
-
O Forno do Cal recobra a vida perdida da man das familias dos antiguos traballadores
Por Redacción |
-
A rehabilitación do Forno do Cal converte este patrimonio industrial nun novo atractivo turístico para Vilaboa
Por Oskar Viéitez |
-
Ons recibiu a 80.000 visitantes este verán
Por Redacción |
-
Vilaboa proponlle a Costas un paseo litoral entre as Salinas e o Forno da Cal
Por Redacción |
-
Vilaboa pecha un orzamento de 3 millóns tras o acordo entre PSOE e PP
Por Redacción |