Noites Abertas bótase á rúa
Por Redacción
Despois dun inicio telemático e coa mirada posta na evolución da pandemia, a XXII edición de Noitas Abertas empeza a abrirse e a saír ao exterior.
Farao coas súas primeiras actividades en espazo público, previstas para este mesmo venres 30 de abril.
En concreto unha das propostas é 'Defensa persoal con obxectos cotiáns', cos seus participantes citados ás 20.00 horas na Avenida de Montero Ríos, mentres que á mesma hora comezará na Praza da Peregrina a actividade 'Caderno de campo de Pontevedra'.
Xa na presentación da actual edición o edil de Xuventude, Alberto Oubiña, adiantara que "á mínima oportunidade de cambio que poidamos, sacaremos Noites Abertas á rúa, porque o programa deste está concibido como un espazo para socializar no espazo público ao aire libre, nas rúas, nas prazas e nos soportais".
A programación de Noites Abertas vaise actualizando na páxina web noitesabertas.gal para indicar cales son as actividades que cambian o formato en liña polo presencial.