O Miradoiro do Castro e a Capela do Sacro Corazón da Lama póñense 'guapos'
Por Redacción
O Concello da Lama acomete estes días labores de limpeza e posta a punto de dous lugares de gran valor para o municipio, como son o Miradoiro do Castro e a Capela do Sacro Corazón.
Operarios municipais están a realizar rozas de especial dificultade xa que se están levando a cabo sobre terreos elevados e con pendente para eliminar especies invasoras que se estaban apoderando destes espazos, que ofrecen unhas das mellores vistas panorámicas da Lama.
O alcalde, Jorge Canda, e o tenente de alcalde, David Carrera, inspeccionaron os traballos que se están levando a cabo nunha contorna de especial interese turístico e cultural marcado pola existencia do propio castro e tamén pola capela, cos elementos relixiosos que acompañan a modo de 'vía crucis' a ascensión pola ladeira do monte ata chegar ao alto onde se sitúa o templo.
A actuación permitirá tamén realizar un saneamento das especies que conforman a zona axardinada e acometeranse melloras nas fontes, mobiliario urbano e luminarias.
De feito a intención do Concello pasa por incluír este miradoiro como punto de referencia de novos roteiros de sendeirismo.