AsemBarro, nova asociación empresarial de Barro, contará co apoio do Concello
Por Redacción
Xosé Manuel Fernández Abraldes, alcalde de Barro e Adrián Silva, concelleiro de Promoción Económica e Turismo, mantiñan este venres unha reunión coa directiva da nova asociación empresarial AsemBarro, que preside Jesús Moreira.
Desde o Concello mostrouse a súa intención de colaborar con AsemBarro para levar a cabo iniciativas que repercutan na posta en valor deste sector no municipio e por parte da asociación tamén se ofreceron a colaborar coa administración local na posta en marcha e no desenvolvemento de iniciativas conxuntas para fortalecer ao comercio e á hostalería locais.
Desde o goberno anunciábase que traballan os servizos municipais na elaboración das bases para regular as axudas destinadas a paliar as consecuencias económicas provocadas pola crise no sector.
O Concello de Barro achegará o 1% do seu orzamento, que se sumará á cantidade que concede a Deputación de Pontevedra, cunha suma que ascende a 35.000 euros. Ademais, os representantes políticos tamén sinalaron que se traballo na creación dunha Guía do comercio, que inclúa servizos, profesionais e hostalería de Barro, para ofrecer unha maior visibilidade.
Fernández Abraldes afirma que a creación desta nova asociación era necesaria para o municipio, porque entende que o sector empresarial, da hostalería e do pequeno comercio precisa unha representación propia, xa que estes son os que mellor coñecen as necesidades e as liñas de traballo que se deben seguir para potenciar os negocios locais e atraer a consumidores.