Sanxenxo realizará un inventario sobre as infraestruturas de telecomunicacións nos seus 119 núcleos
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo encarga a elaboración dun inventario sobre as infraestruturas de telecomunicacións e do despregamento de fibra óptica no municipio. Veciños e empresarios de Sanxenxo, padecen desde hai anos problemas de conexión a internet, unha carencia que nesta pandemia fíxose aínda máis evidente polo teletraballo e a necesidade dun uso maior das tecnoloxías.
A pesar de pequenos avances, seguen existindo zonas como a parroquia de Vilalonga, A Revolta e A Lanzada en Noalla con graves deficiencias na conexión a Internet. Tamén localidades en Nantes, en Dorrón e Bordóns, así como algunhas rúas do centro da vila de Sanxenxo sofren os efectos dunha mala conexión á rede.
Tras varios encontros coas principais empresas de telecomunicación que operan no municipio e, a pesar de que non é competencia municipal, o goberno dá un novo paso para tratar de solucionar este problema coa creación dun inventario que lle permitirá obter unha radiografía da actual situación, detectar as carencias de cobertura existentes e propoñer solucións. O estudo analizará, ademais, que infraestruturas municipais son susceptibles de ser utilizadas en despregamentos de telecomunicacións como depósitos de auga ou puntos de iluminación pública.
A información solicitada poderá axudar a que os despregamentos futuros, por exemplo o de tecnoloxía 5 G, realícense de forma máis áxil e, sobre todo, máis eficiente, reutilizando infraestruturas existentes, neste caso, de titularidade municipal.
O estudo levará a cabo nos 119 núcleos de poboación de Sanxenxo, percorrendo todas as estradas e rúas, realizando fotografías xeorreferenciadas das infraestruturas existentes, que se incorporarán a un ficheiro para que se poida consultar de maneira sinxela e visual. Incluirá ademais un informe con fichas técnicas das infraestruturas, fotografías de detalle e identificación dos distintos elementos, as empresas operadoras e infraestruturas municipais.