Atrasan outro mes a decisión sobre a segunda dose de AstraZeneca
Por Oskar Viéitez
En Galicia, alredor de 60.000 persoas, menores de 55 anos, están pendentes da administración da segunda dose de AstraZeneca.
A Comisión de Saúde Pública decidiu este venres atrasar outro mes a toma dunha decisión, á espera dos resultados dun estudo posto en marcha polo Instituto de Saúde Carlos III para coñecer a eficacia e seguridade de combinar esta inxección cunha segunda de Pfizer, segundo anunciou o Ministerio de Sanidade nun comunicado.
Non está claro se esa inxección finalmente será de Pfizer, como fan en Alemaña e Francia, ou de AstraZeneca, como están a facer no Reino Unido ou Italia.
A comisión lembra que a primeira dose xa outorga unha efectividade de en torno ao 80%. Unha terceira sería confiar en que esa primeira inoculación de AstraZeneca xerase suficientes anticorpos e non picar unha segunda dose.
O Ministerio de Sanidade afirma que "España, do mesmo xeito que Irlanda, e seguindo o principio de precaución, opta así por esperar a ter máis información dos estudos en marcha e da experiencia doutros países".
"As persoas menores de 60 anos teñen un menor risco de enfermidade grave e a prioridade neste momento é vacinar aos maiores de 60 anos canto antes para evitar hospitalizacións e falecementos nunha situación epidemiolóxica de incidencias acumuladas en ascenso", engade o comunicado.
A decisión adóptase diante da aparición de casos tromboses con trombocitopenia, uns efectos secundarios graves e moi infrecuentes que se produciron tras a vacinación co fármaco do laboratorio anglo-sueco.
A Axencia Europea do Medicamento recomendou que a segunda dose para quen recibiu unha primeira de AstraZeneca fose co mesmo medicamento.
A Comisión de Saúde Pública, organismo no que están representadas todas as comunidades autónomas, adoptou a decisión por maioría, non por unanimidade. Galicia volveu defender nesta Comisión de Saúde Pública a pauta completa coa vacina de AstraZeneca ás 12 semanas.
A Xunta basease "na evidencia científica", na ficha técnica da vacina e no posicionamento da Axencia Europea do Medicamento, pero a Comisión adoptou por maioría outro criterio.
A Consellería de Sanidade decidiu vacinar a vindeira semana ao grupo de 65-69 coas vacinas dispoñibles.
Sinalar que a Xunta de Galicia tiña previsto vacinar tamén a semana que ven aos grupos esenciais, pero o Ministerio de Sanidad opta na estratexia por terminar primeiro cos grupos etarios.
Este sábado a Xunta de Galicia ten previsto poñer un total de 36.888 vacinas, das que 31.188 son de Pfizer, 5.600 de Moderna e 100 de Janssen.
Relacionadas:
-
#QuieroMiSegundaDosis de AstraZeneca, petición viral en Change de menores de 60 anos que recibiron a primeira vacina
Por Redacción |
-
Amplían o rastrexo de casos de covid-19: farase seguimento aos contactos estreitos dos 7 días previos
Por Natalia Puga |
-
A vacina Janssen vai administrarse a pacientes dependentes que non poidan saír dos seus domicilios
Por Anxo Lourido |