A Deputación estuda que Tragsa traslade o Parque de Maquinaria e rexenere A Xunqueira de Alba
Por Redacción
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o presidente de Tragsa, Jesús Casas, que se desprazou estes días a Galicia, mantiveron nas últimas horas unha primeira reunión para explorar a posibilidade de que sexa a empresa pública quen realice o futuro traslado do Parque de Maquinaria da institución provincial ao Polígono de Barro, e posteriormente acometa a anunciada rexeneración dos terreos que actualmente ocupa na Xunqueira de Alba en Pontevedra.
O proxecto ten previsto desenvolverse en varias etapas que abranguen: a implantación física das novas instalacións do Parque central de Maquinaria no Polígono de Barro, entre elas o taller, espazos de almacenaxe, oficinas e zona administrativa, vestiarios, aseos, exteriores e xestión dos residuos; o traslado das actividades e do persoal; a posterior demolición das edificacións existentes na parcela da Xunqueira.
Finalmente, os traballos para a recuperación ambiental e rexeneración da zona cos obxectivos de recuperar a superficie do humidal e a integración socio-cultural da Xunqueira de Alba.
A Deputación de Pontevedra e a empresa pública Tragsa manterán proximamente primeiros encontros técnicos para ir definindo as necesidades do proxecto que está actualmente en fase de redacción.
OS CONCELLOS PODERÁN OPERAR CON TRAGSA
Na reunión, tamén se avaliou o éxito logrado para dar resposta a unha das principais demandas dos concellos da provincia: facilitar que os municipios de ata 50.000 habitantes teñan a posibilidade de operar directamente coa empresa pública, conseguindo, así, adiantar prazos e simplificar os procesos de tramitación nos proxectos municipais.
Carmela Silva e Jesús Casas supervisaron os detalles do novo procedemento, que se desenvolverá mediante convenios-tipo cos concellos para que Tragsa, como medio propio personificado da Deputación, poida realizar aquelas actuacións que se enmarquen no seu obxecto social.
Isto supón que os concellos poderán operar coa empresa pública para calquera obra ou servizo vinculado con elementos agrogandeiros, forestais, medioambientais etc..., aínda que tamén poderán facelo en situacións de urxencia ou emerxencia, procedementos que quedaran desertos ou contratos resoltos por incumprimento do contratista.
A Deputación xa remitiu aos concellos a resolución presidencial coa aprobación deste procedemento e o convenio tipo que deberán asinar, amais da información sobre a asistencia técnica que se porá a disposición dos municipios durante todo o proceso.
Relacionadas:
-
Nin o parque de maquinaria nin a imprenta seguirán nunha Xunqueira de Alba que avanzará na súa rexeneración
Por Alejandro Espiño |
-
Barro concede licenza para a construción do Parque de maquinaria da Deputación
Por Oskar Viéitez |
-
O pleno provincial aborda a recuperación ambiental da Xunqueira de Alba e o acceso ao Hospital Montecelo
Por Oskar Viéitez |
-
O talento feminino copa o programa de apoio ao emprendemento rural nos viveiros da Deputación
Por Redacción |
-
BNG e PSOE reclaman 24,5 millóns á Xunta e ao Estado para o Museo, o Gafos e a Xunqueira de Alba
Por Redacción |
-
Costas coñece o plan de acción para a restauración ambiental da Xunqueira de Alba
Por Redacción |
-
Comisións Obreiras acusa á Deputación de converter o Parque de Maquinaria nun "depósito de chatarra"
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación inicia o proceso para trasladar o Parque de Maquinaria ao polígono de Barro e recuperar a Xunqueira de Alba
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |