"Precisamos outro modelo social e económico máis xusto"
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Coincidindo coa celebración do Primeiro de Maio, celebrouse un acto público de homenaxe a traballadores de colectivos esenciais perante a pandemia, que tivo lugar ás 11.30 horas diante da entrada principal do Hospital Provincial.
O acto consistiu na entrega dun agasallo a unha sanitaria do Hospital Montecelo, unha operaria da limpeza neste mesmo centro hospitalario, unha traballadora do Servizo de Axuda no Fogar do concello de Pontevedra, e profesionais dos sectores da alimentación, comercio e unha axente da Policía Local, entre outras mulleres.
Rematado o acto tivo lugar a manifestación conxunta da UGT e Comisións Obreiras, que se iniciou neste mesmo lugar nun percorrido que tivo que ser alterado a última hora ao coincidir coa marcha organizada pola CIG que tiña moitos máis participantes.
UGT e CCOO reclamaron "outro modelo social e económico máis xusto", e esixiron a protección e reforzo dos servizos públicos, "imprescindibles nunha sociedade democrática".
Neste Primeiro de Maio houbo unha terceira manifestación en Pontevedra convocada pola Confederación Xeral do Traballo (CGT) e o Sindicato de Profesionais da Sanidade Galega Pública (PROSAGAP) baixo o lema "Solidariedade e Apoio Mutuo".
Eles tamén escolleron coma punto de saída a rúa Loureiro Crespo, fronte ó Hospital Provincial, e marcharon ata chegar diante do edificio da Subdelegación do Goberno, onde rematou o acto coa intervención de representantes dos convocantes que xustificaron a necesidade de seguir mobilizándose para "combater este sistema inxusto e voraz que condena a millóns de persoas ó paro, a precariedade laboral, o abuso da patronal e a desatención xeneralizada".
O sindicato PROSAGAP sumábase á convocatoria de CGT reclamando unha sanidade pública universal e demandar a diminución da temporalidade entre o persoal sanitario, con respecto ao descanso necesario para realizar o traballo en boas condicións, ademais dunha planificación e contratación de recursos humanos suficientes para ofrecer unha calidade asistencial adecuada.