Inicio de semana anticiclónico nas Rías Baixas que irá deixando paso a un tempo inestable
Por Redacción
A semana comeza baixo condicións anticiclónicas e por tanto con predominio da estabilidade. Espérase unha xornada de luns con ceo pouco nubrado ou despexado, con algún intervalo de nubes altas na metade norte de Galicia. As temperaturas subirán, sendo o ascenso máis acusado nos valores máximos situándose entre os 5 e os 21 graos, segundo Meteogalicia. Os ventos soprarán frouxos, de dirección variable.
O martes será unha xornada de transición na que se irá perdendo de maneira progresiva a influencia das altas presións e a estabilidade. Os ceos amencerán pouco nubrados en xeral pero co avance do día as nubes entrarán polo noroeste de Galicia. A noite será de ceos moi nubrados con posibilidade de orballos. As temperaturas permanecerán entre 6 e 20 graos nas Rías Baixas con vento que comezará a soprar de compoñente oeste frouxo en terra, con intervalos moderados no litoral norte.
Xa o mércores 5, a situación intermedia continuará entre as altas e as baixas presións con fluxo de ventos do oeste que achegan humidade desde o mar. Espérase unha mañá de ceos nubrados e unha tarde con tendencia á apertura de claros. Pola noite aumentarán as nubes con posibilidade de orballos no oeste de Galicia. As temperaturas mínimas ascenderán moderamente para establecerse nos 12 graos mentres que as máximas continuarán ao redor de lso 20 graos. O vento soprará frouxo de compoñente oeste.
O xoves apenas se rexistrarán cambios, con vento frouxo intenso do suroeste que achegará humidade desde o mar. A xornada comezará con ceos moi nubrados e orballos tamén no oeste. Espérase unha apertura de claros durante a tarde. As temperaturas seguirán sen cambios.