VIDEO.- Incendio nun barco bateeiro en Bueu
Por Oskar Viéitez
O barco bateeiro "Con Negro", con base en Bueu, sufriu un incendio na mañá deste luns cando se atopaba traballando no polígono de bateas Bueu A1, na zona entre Agrelo e Lapamán. Non se rexistraron feridos.
Segundo informaron fontes da Garda Civil. Ás 10.50 horas recibiron o aviso dunha embarcación ardendo na zona de bateas de Bueu e mandouse á patrulleira do servizo marítimo.
Ao chegar ao lugar do suceso a tripulación xa fora evacuada sen danos.
Actuaron na extinción do lume a embarcación Corvo Mariño de Garda Civil, a de Aduanas e a Salvamento Marítimo. Posteriormente foi remolcada ao porto de Marín
O incendio levantou unha gran columna de fume visible en toda a ría de Pontevedra.
A embarcación forma parte da Sociedade Cooperativa Mexiloeira de Bueu (Socomebu).
As causas do incendio aínda non se informaron. A Garda Civil xa abriu dilixencias para investigar o sinistro.