'Manuela é nova na escola', un libro de Os Bolechas para normalizar a diabetes nos colexios
Por Natalia Puga
Manuela ten 10 anos e é nova na escola. Un día, pouco despois da súa chegada ao novo centro educativo, bebe un zume de laranxa na clase e a mestra repréndea, pero ela explícalle que ten diabetes e precisa beber porque acaba de ter unha hipoglucemia. A partir de aí, xorde o estupor da mestra e á alumna impóñenlle limitacións: non poderá facer deporte ou gozar do recreo en iguais condicións que os seus compañeiros.
As novas normas son froito do descoñecemento sobre a enfermidade e non son unha excepción, senón que se trata de situacións coas que se atopan moitos menores con diabetes nos seus colexios. Para evitar que o que lle pasa a Manuela o vivan máis escolares e axudar a normalizar a súa vida nos centros educativos, acaba de saír á luz Manuela é nova na escola. Medrando con diabetes, un libro de Os Bolechas realizado pola Asociación de Nenos, Nenas e Xente Nova con diabetes de Galicia (Anedia).
Publicado hai varias semanas, este luns chegou a Pontevedra a través dunha presentación na que participaron o tenente de alcalde e concelleiro de Actividade Física e Saúde, Tino Fernández; a representante de Anedia en Pontevedra, Charo Lafuente; e Iria González e Carolina Blanco, voceiras de Xente Nova de Anedia. No acto deron a coñecer que estes libros están chegando en toda Galicia a todos os centros educativos nos que hai algún neno con diabetes e no Concello de Pontevedra vaise distribuír entre todos os colexios.
Tal e como lembrou Tino Fernández, esta é xa a segunda publicación destas características de Anedia, que hai dous anos promoveu Os Bolechas saben o que é a diabetes para difundir e concienciar no ámbito escolar sobre a realidade esta enfermidade que teñen nestes momentos arredor de mil menores de 18 anos en Galicia.
Con esta segunda publicación, confían en afondar no coñecemento da diabetes tipo 1 ("que nada ten que ver coa tipo 2", lembra Lafuente) e que profesorado, alumnado e toda a comunidade educativa coñeza a realidade dos menores coa enfermidade, que teñen que controlar a súa glucemia continuamente, pesar os alimentos, controlar as racións de hidratos que comen e pinchar insulina, pero que, a pesar de todo, "fan unha vida absolutamente normal" e poden realizar todas as actividades que se organizan nun centro educativo, desde excursións a actividades deportivas, sen que a súa enfermidade llo impida.
Para lograr esta normalidade na vida destes escolares, é fundamental que mestres e compañeiros e compañeiras coñezan que é a diabetes tipo 1 e agora poden facelo grazas a Os Bolechas e a historia de Manuela, pois despois daquela perplexidade inicial da súa mestra e do resto do alumnado, todos acaban por coñecer os detalles da súa enfermidade e, coa súa supervisión e colaboración, ela participando en todas as actividades do centro.
"Hai que adaptar a diabetes á vida do neno e non a vida á diabetes", explica Charo Lafuente, que amosa a ledicia que senten en Anedia por publicar este segundo libro e indica que, despois do susto inicial que supón coñecer que o neno ten unha enfermidade crónica, "hai que facelo asumible, normalizalo, para que o neno faga unha vida o máis normal posible e o máis seguro para a súa vida tendo diabetes".
Tino Fernández destaca que este libro axuda a lograr ese obxectivo dun xeito "didáctico, directo, sinxelo, fácil de comprender" e agradece o esforzo de Anedia por "dar difusión e facer comprensible a diabetes" e trasladar que as persoas que teñen esta enfermidade "poden levar unha vida normal".
Este libro axuda a Anedia a lograr un dos seus obxectivos, proporcionar información e unha axeitada educación diabetolóxica a familiares, escolas e poboación en xeral, pois cada vez que chega un exemplar a un centro educativo, ese día fálase na aula da enfermidade e coñécese un pouco mellor.
Relacionadas:
-
Sesenta nenos diabéticos quedan sen atención especializada polo peche da consulta infantil no Provincial
Por Natalia Puga |
-
Luli, a mascota que animará os máis pequenos a recuperar a actividade física
Por María José Pita |
-
Luz azul na Casa Consistorial e na Deputación para conmemorar o Día Mundial da Diabetes
Por Redacción |
-
Unha xornada deportiva para facer visible a diabetes coa sexta Milla Urbana Anedia
Por Diego Espiño |
-
Os escolares de Pontevedra aprenden sobre a diabete
Por Oskar Viéitez |