Lores declárase "insumiso" ante leis "irracionais e inxustas" que vaian "contra os intereses dos cidadáns"
Por Alejandro Espiño
O Concello de Pontevedra seguirá prorrogando contratos públicos, sempre que supoña un aforro ás arcas municipais e beneficie aos cidadáns. Pero Miguel Fernández Lores, que recoñeceu que algunhas desas prórrogas puidéronse realizar de forma irregular, foi máis aló e afirmou que, neste sentido, "me declaro insumiso ante lexislacións aprobadas por Madrid e Bruxelas que vaian en contra dos intereses dos cidadáns".
Así respondía o alcalde de Pontevedra á interpelación realizada por Jacobo Moreira. O portavoz do Partido Popular demandaba explicacións "serias, rigurosas y coherentes" ás prórrogas realizadas polo goberno municipal en certos contratos e adxudicación públicas, cualificadas como "irregulares" polos populares, ao asinarse malia ter en contra informes técnicos e de intervención.
Moreira citou os contratos de mantemento de xardíns (Elsamex), as piscinas de Campolongo (Serviocio) ou o mantemento e limpeza do Pazo da Cultura (ambas a empresas do grupo Ferrovial). "En todos esos casos, el gobierno municipal, a pesar de contundentes informes en contra, prorrogó los contratos sin poder ofrecer explicaciones mínimamente rigurosas más allá de un supuesto ahorro económico", denunciou o portavoz popular.
Dese argumento botou man Fernández Lores para defender a actuación do goberno municipal. Non só neses catro casos, senón que o alcalde recoñeceu prórrogas nos contratos do guindastre, da recollida de lixo, do mantemento do mobiliario urbano ou do mantemento das cámaras de tráfico e da rede semafórica. Con esas prórrogas, calcula que se chegou a aforrar uns 12 millóns euros.
"Vamos a seguir mantendo a nosa actitude de bordear ou saltar incluso unha normativa que é irracional e inxusta", dixo Fernández Lores
Un resultado que segundo Lores, anímalles a continuar por esa mesma liña "cando se prevea que sacar un novo concurso vaia encarecer o servizo, o que sucede case sempre". Por iso é polo que insistise en que cando en virtude da lexislación vigente se produzan "decisión inxustas que non beneficien aos intereses dos cidadáns, vamos a seguir mantendo a nosa actitude e bordear ou saltar incluso unha normativa irracional e inxusta".
Ante esta declaración de intencións, Jacobo Moreira mostrou a súa sorpresa "por tener que felicitarle porque incumpla la ley" e acusou a Fernández Lores de ser un alcalde "que niega la libre concurrencia de las empresas a los contratos municipales y que oculta información a los ciudadanos, negándoles el derecho de saber qué es lo que se hace con su dinero". Por iso é polo que concluíse cun sonoro "vaya alcalde".
OUTROS ASUNTOS DO PLENO
Ademais, o Pleno municipal aprobou, coa abstención do Partido Popular, a conta xeral do Concello de Pontevedra de 2012 que, segundo Raimundo González, arroxa resultados económicos "tremendamente positivos", ao acreditar unha liquidez de 18,6 millóns de euros ou "magníficos" indicadores de solvencia e de débeda. Si apoiaron os populares, entre outras cuestións, unha modificación de crédito de 425.000 euros para o convenio con Acuaes.
Por unanimidade aprobouse tamén a adhesión de Pontevedra á Rede de Cidades de Camiñan, aínda que o PP alertou de que está dirixida por unha asociación "pantasma" e que lles xera "dúbidas" sobre o seu funcionamento; a elección dos días festivos locais para 2014 e o plan municipal de condutas adictivas 2013-2016, que porá un acento moi importante en políticas de prevención.
MOCIONS DO PP
No Pleno, o Partido Popular pediu tamén ao goberno municipal que reforme a Praza da Castaña, na contorna de Cruz Vermella, consensuando un novo deseño cos veciños. Neste sentido, Antón Louro e Luís Bará recoñeceron que o seu aspecto non é o máis adecuado, pero explicaron que "o contexto económico e o que é, e os recursos son limitados" e que nestes momentos "estamos actuando en zonas máis prioritarias".
Para rematar, os populares preguntaron ao goberno local sobre a súa actuación nos últimos incidentes olorosos en Ence e pediu ao alcalde que "se abstenga" de realizar certas declaracións. Neste sentido, Carme da Silva recordou que o Concello actuou "correcta e contundentemente" e lamentou que a Xunta "non fixo nada" para investigar o sucedido. Algo que vinculan aos "movementos para intentar perpetuar Ence".