O acceso ao IES de Poio estrea pavimentación e pasará a ser de dirección única
Por Redacción
O Camiño da Outeira, situado no lugar de Fontenla, na parroquia de San Xoán de Poio, e que dá acceso ao instituto do municipio, acaba de estrear nova imaxe e organización. Agora ten sentido único para a circulación de tráfico rodado.
O Concello de Poio acometeu unha serie de traballos para amplialo e dotalo de novo pavimento e cunetas. A actuación vai máis alá dunha mera mellora, xa que tamén contempla medidas para reforzar a seguridade viaria por este camiño polo transitan cada día moitos veciños e veciñas e, especialmente, parte do alumnado do instituto.
A tenente de alcalde e responsable da Concellería de Obras de Poio, Chelo Besada, e o titular de Urbanismo e Mobilidade, Gregorio Agís, visitaron este luns a zona para comprobar o resultado das obras realizadas neste espazo de titularidade municipal.
Os vehículos só poderán circular en dirección cara a PO-308 e os peóns pasan a contar con máis espazo, evitando que nas zonas máis estreitas se crucen dous turismos como viña sucedendo ata o de agora, segundo explicou Gregorio Agís.
Ademais, a partir de agora, o Concello prevé que probablemente se reducirán de xeito drástico as aglomeracións de tráfico no cruce da estrada da Fontenla coa PO-308, pola que tamén circulan os autobuses.
Besada e Agís explicaron que esta medida foi adoptada tendo en conta as peticións e sensibilidades da veciñanza e dos usuarios e usuarias habituais do camiño.
O Concello investiu preto de 15.000 euros nestas obras. Ademais de ampliar o espazo e dotar ao firme de nova pavimentación, tamén se procedeu a habilitar unha cuneta tendida, así como unha tubaxe a modo de canalización de pluviais. Ademais, está previsto que proximamente se complete a sinalización vertical e horizontal.
Chelo Besada explicou que esta actuación resultou moi importante, porque serviu para converter un antigo carreiro nun camiño en moi boas condicións, máis seguro e con novos servizos e agradeceu a paciencia da veciñanza e das persoas usuarias. Ademais, insistiu en que esta actuación levouse a cabo moito antes de que o Partido Popular demandase a súa realización.
Relacionadas:
-
Poio insta á Xunta a que resolva os problemas no transporte escolar do IES da Fontenla
Por Redacción |
-
O reforzo de seguridade culmina a reforma do Camiño da Outeira
Por Redacción |
-
O alumnado do IES de Poio pide habilitar carrís bici no municipio
Por Redacción |
-
Poio mellorará o acceso ao instituto polo Camiño da Outeira
Por Redacción |