Caldas ofrece 15 permisos diarios para a pesca en tres tramos do Umia
Por Redacción
A tempada de pesca fluvial comeza e Caldas prepárase para a chegada de decenas de pescadores tanto locais como foráneos atraídos polos numerosos e variados coutos, tanto libres como pechados, para a práctica deste deporte. Ademais o Umia nesta zona está considerado pola Consellería de Medio Ambiente como unhas das masas principais onde habita o reo.
A tempada na que están permitidas as capturas esténdese desde o 1 de maio ao 31 de xullo, excepto na pesca sen morte, que se alonga ata finais de setembro.
O tramo medio-baixo do Umia en Caldas de Reis dispón de tres tramos de pesca acoutados. O coto número 1 vai desde a fervenza de Segade ata a presa de Chorreiras, fronte ao Xardín Botánico e ten 1,9 quilómetros de distancia coa troita como especie principal de pesca. Os permisos diarios expedidos para este coto son 3.
O coto número 2 sitúase en pleno centro urbano e vai desde a presa de Chorreiras ata ladesembocadura do río Follente. Ten preto dun quilómetro de lonxitude e nel só está permitida a pesca sen morte, polo que todas as capturas deben ser devoltas á auga tras a súa extracción. Permítense unicamente cebos artificiais como mosca e culleriña cos anzois sen arpón para causar o dano mínimo aos peixes. Neste caso tamén se expiden un máximo de 3 permisos diarios.
O terceiro dos cotos vai desde a desembocadura do río Follente ata a ponte do ferrocarril cunha distancia de 2,9 quilómetros. Trátase dun coto común no que se ofrecen ata 9 permisos diarios.
Desde o Concello, sosteñen que Caldas conta con moitos recursos para a pesca deportiva, o que posiciona a vila como un referente nesta disciplina tanto entre pescadores tradicionais como entre novos pescadores a mosca que adoitan practicar a pesca sen morte de competición. Os tramos fluviais destacan pola calidade das augas, pola extraordinaria paisaxe e contorna, así como pola diversidade de especies e por unha oferta de actividades culturais e de lecer complementarias que fan de Caldas uno dos destinos máis atractivos para a pesca fluvial.