Remate do pasteiro da Lama que transformou 26 hectáreas en terreo de pasto
Por Redacción
O concelleiro do Medio Rural, José González, achegábase este luns a coñecer o estado do pasteiro acondicionado polo seu departamento no municipio da Lama. Trátase dunha actuación correspondente ao plan de pastos impulsado pola Xunta de Galicia e que actualmente se atopa na segunda fase de execución.
No concello da Lama, transformáronse en terreos de pasto preto de 26 hectáreas da parroquia de Verducido nunha primeira fase deste plan. Así mesmo, tamén se acondicionou outro pasteiro en Cerdedo-Cotobade.
Estas intervencións do plan de pastos supuxeron a roza, os sementados e a construción de infraestruturas como pistas e peches, así como o establecemento de mangas de manexo do gando, a posta a disposición de comedeiros ou bebedeiros e a dotación de pasos canadenses.
Con estes traballos, segundo informa a Xunta, os titulares das explotacións benefícianse do acondicionamento das parcelas, a ampliación da súa base territorial e o cumprimento das determinacións en materia de benestar, seguridade e saúde animal. Tamén este aproveitamento do terreo permitirá a prevención de lumes forestais.
A previsión da Xunta é actuar en 235 hectáreas de terreo dentro da provincia de Pontevedra, cun investimento de 1,4 millóns de euros, nos traballos correspondentes á segunda fase do plan de pastos.