Obxectivo para Atención Primaria: que o 60% das consultas sexan presenciais
Por Alejandro Espiño
Seis de cada dez consultas en Atención Primaria serán presenciais. É o acordo alcanzado entre os responsables sanitarios e os profesionais. Forma parte do compromiso para que os pacientes regresen aos centros de saúde, unha atención que se limitou debido á pandemia.
O xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Ramón Gómez, sinalou que no Sergas "xa estamos a traballar" para normalizar a xestión diaria en Atención Primaria e para iso hai un comité establecido "desde hai tempo".
"Estamos convencidos de que temos que ter unha atención presencial máis importante", sinalou Gómez, que cifrou nun 60% as consultas que serán atendidas presencialmente.
O resto seguirá sendo por vía telefónica, fundamentalmente todo o relacionado con receitas e coa comunicación de resultados de probas de diagnóstico.
As consultas por teléfono, segundo o xerente da área sanitaria, xa estaban implantadas "e a súa porcentaxe incrementouse" pola pandemia, ao ser algo que "demandaba a sociedade" para resolver asuntos "con seguridade, calidade e sen ter que desprazarse".
"Vai ser algo que quede", garantiu o responsable sanitario, que considera que "non é sensato" que alguén teña, por exemplo, que pedir permiso no traballo para coñecer o resultado dunha analítica "cando se pode facer por teléfono".
Ademais, José Ramón Gómez apuntou que "temos que promocionar moito máis" a ferramenta É-Saúde, unha plataforma dixital que permite que os pacientes -ou os seus médicos- poidan acceder á súa historia clínica "en calquera punto".
A Atención Primaria, reiterou o xerente, é un "elemento crave" do sistema de saúde e debe ser "forte e resolutiva". Para iso, o Sergas está a formar máis especialistas que nunca en medicina de familia, unha especialidade que era "deficitaria" en Galicia.
Isto deixará de ser así, confía Gómez, nuns tres anos cando completen a súa formación MIR os 137 médicos que están a preparar nestes momentos. A partir de aí, cada ano Galicia formará a 35 facultativos máis cada ano para cubrir as prazas que vaian quedando vacantes.
Relacionadas:
-
RADIO.- A Asociación Galega de Medicina Familiar anuncia a súa saída do Consello Técnico de Atención Primaria
Por Marisa Ciordia |
-
A área sanitaria reforza efectivos en saúde mental coa incorporación de máis profesionais
Por Redacción |
-
SOS Sanidade Pública volve ás rúas para recuperar a atención presencial nos centros de saúde
Por Manu Otero |
-
Pontevedra terá unha unidade poscovid para pacientes con secuelas da pandemia
Por Alejandro Espiño |