Domínguez denuncia "privilexios" dos concelleiros do goberno local e pide a eliminación do coche oficial do alcalde
Por Anxo Lourido
"A sociedade non acepta determinados privilexios que se mantiveron ao longo dos anos", explicaba Rafa Domínguez, portavoz do grupo municipal do Partido Popular de Pontevedra. Desta forma, reclama que o alcalde e os concelleiros do equipo de goberno formado polo BNG e o PSOE renuncien a vantaxes "que nunha sociedade moderna non se entenden e afastan aos políticos da realidade".
En primeiro lugar, o presidente local do PP sinalou que o alcalde dunha cidade como Pontevedra "non necesita nin chofer nin coche oficial" e acusou a Miguel Anxo Fernández Lores de non moverse "practicamente nada". Por este motivo considera que, nestes momentos de crise, comprarse un novo vehículo oficial "non debe ser prioridade no século XXI" e convidou o rexedor a utilizar outras opcións como o transporte público, taxi, viaxar no seu propio coche ou compartir vehículo con outros membros da corporación.
Neste punto, sinalou que o funcionario que actualmente realiza as funcións de chofer debería facer outra actividade sen que supoña "menoscabo nas súas funcións nin nas súas retribucións".
Por outra banda, tamén reclamará nunha propuesta que levará ao pleno que os concelleiros rexeiten o aparcamento gratuíto "pagado por todos" ao indicar que contan con prazas públicas municipais en aparcadoiros privados. "Isto afástaos da realidade e por iso din que se aparca de maneira moi fácil en Pontevedra", alegou Rafa Domínguez, quen lembrou que os concelleiros do PP renunciaron a estes privilexios desde hai máis de dous anos.
A continuación, Domínguez denunciou que os concelleiros do BNG e do PSOE teñen á súa disposición entradas para espectáculos de pago e demanda que renuncien a este "privilexio" cando non se trate de actividades organizadas polo Concello, exposicións, inauguracións ou cando sexa importante a representación de Pontevedra no acto. Lamentou que concelleiros do Concello contaran con entradas gratis para poder acudir a "espectáculos de Ignatius Farray" ou "concertos como o de Macy Gray" e pide que renuncien a este tipo de invitacións. "Se queren ir, que pasen pola billeteira e paguen" indicou o popular, que exclúe neste caso ao alcalde porque "ten a facultade de poder ir porque é o máximo representante. O resto, non".
"Pontevedra debe ser pioneira, para que se retiren estes privilexios no actual contexto oficial", apuntou o representante do PP convidando a que o goberno municipal marque unha tendencia para outras cidades de similares características e que manteñan este tipo de situacións.
* O concelleiro do Partido Popular Rafa Domínguez expresouse en lingua castelán durante a rolda de prensa e foi traducido polo redactor nesta información realizada en lingua galega