Rafa Domínguez declarará o 2 de xuño ante a xustiza pola súa denuncia sobre os carteis do Entroido
Por Manu Otero
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O presidente do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, declarará perante o xulgado o 2 de xuño polas súas declaracións sobre os deseños dos carteis do Entroido pontevedrés dos últimos anos, nas que o líder popular cuestionaba que o seu deseño se adxudicou a dedo.
Desde o primeiro momento en que o partido da oposición denunciou esta situación, o debuxante pontevedrés Kiko da Silva saíu ao paso para defender a legalidade do seu traballo e pedir aos populares que non empreguen o seu nome e imaxe na súa loita política contra o BNG.
A pasada semana tivo lugar unha vista previa entre ambas as partes nas que cada un dos bandos ratificou a súa postura, polo que o conflito terá que resolverse nos tribunais. "Seguen nos seus trece", lamenta o autor. Mentres que os populares argumentan que o que poñen en dúbida é a "moralidade" de adxudicar estes encargos durante máis dunha década a unha persoa que ía como número 4 do Bloque ao Parlamento Galego.
"Non dixemos que fora ilegal", puntualizan desde o PP, aínda que deixan consideran que o pago realizado está "axustado" para evitar un concurso público.
O xuízo non fará aos populares modificar o seu discurso e aseguran que seguirán denunciando, xa o fixeron nos últimos meses en máis de catro ocasiones, a adxudicación de contratos menores por parte do Concello de Pontevedra a empresas ou persoas "afíns" ao BNG.
Pola súa banda, da Silva non esixe ningunha indemnización económica. Soamente que Domínguez se retracte e pida desculpas de forma pública. "Non pido cartos, o que pido é que deixe de calumniar e usar a miña persoa física na súa loita contra o BNG", pide o debuxante, que insiste na legalidade dos seus contratos.
Tras a publicación desta nova por PontevedraViva, o presidente do Partido Popular de Pontevedra compareceu en público para contar a súa visión sobre este feito. Rafa Domínguez mostrou a súa "máxima confianza na xustiza" e o seu pleno convencemento de que "as cousas van saír absolutamente ben para min e o Partido Popular de Pontevedra. Ademais, asegurou que "a demanda está instigada e ordenada polo BNG de Pontevedra".
Relacionadas:
-
Rafa Domínguez lamenta que Kiko da Silva continúe co proceso xudicial contra el
Por Redacción |
-
A xustiza desestima a demanda de Kiko da Silva contra Rafa Domínguez
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada
-
A Fiscalía apoia a Rafa Domínguez ante a demanda de Kiko da Silva por vulnerar a súa honra
Por Alejandro Espiño |
-
Kiko da Silva formaliza a demanda contra o PP polas súas declaracións sobre o cartel do Entroido
Por Redacción |
-
Rafa Domínguez reta a Kiko da Silva: "Invítolle a que me demande mañá mesmo"
Por Redacción |
-
Kiko da Silva doará os 4.922 euros obtidos coa ilustración de Ravachol á investigación do cancro
Por Redacción |