A urbanización do Revel estará rematada en xullo
Por Redacción
As obras de urbanización do Revel, en Vilalonga, estarán terminadas no mes de xullo, se se cumpren as previsións que manexa o goberno municipal de Sanxenxo.
Os movementos de terra para elevar a cota do terreo están practicamente concluídos e agora os traballos céntranse na canalización de parte do regacho que cruza a contorna.
Esta actuación esténdese ao longo de 30 metros con caixóns de formigón de 3x2 metros baixo os viais que vertebrarán a contorna. Ademais, limparase do leito, preservando especies como salgueiros e amieiros, e na parte descuberta do río colocaranse valos para protexer as zonas sensibles.
COVSA, empresa adxudicataria destas obras, ten tamén practicamente finalizada a canalización de pluviais e fecais. A partir de aí, comezará a construción de beirarrúas e o asfaltado de viais, a instalación da iluminación, o mobiliario, o acondicionamento de zonas verdes e a sinalización.
O proxecto de urbanización contempla tres viarios, con dous carrís de 3 metros, unha rotonda que axudará a achegar fluidez ao tráfico e a dotación de 84 prazas de estacionamento. As beirarrúas previstas terán unha anchura mínima de 2 metros e unha máxima de 4,5 metros.
As melloras aceptadas pola empresa adxudicataria da obra están valoradas en 121.926 euros e fan referencia ao embelecemento da contorna coa plantación de 111 árbores de distintas especies como arces, xacarandas, magnolios, acivros ou camelias, entre outras.
Tamén se inclúe unha mellora da iluminación da zona verde con 16 novas luminarias e a plantación de céspede.
Esta urbanización, que ten un orzamento de 1,2 millóns de euros, está sufragada a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra e con fondos propios municipais.
Relacionadas:
-
A urbanización do Revel, "unha mostra da nova forma de facer as cousas"
Por Redacción |
-
Sanxenxo solicitará unha modificación de orzamento de máis dun millón de euros para obras e proxectos
Por Redacción |
-
A urbanización do Revel comezará en febreiro e vai a facela a empresa COVSA
Por Redacción |
-
Cinco empresas presentan as súas ofertas para executar a urbanización do Revel
Por Redacción |
-
Sanxenxo saca a licitación a parcela de O Revel na que se construirá un novo centro educativo
Por Redacción |