O servizo de obras e medio ambiente de Cerdedo-Cotobade refórzase con 26 traballadores
Por Redacción
Preto de 318.000 euros destinará o goberno municipal de Cerdedo-Cotobade para a contratación de 26 persoas desempregadas que reforzarán de xeito inmediato os servizos municipais de obras públicas e de medio ambiente.
Ao abeiro deste programa traballarán cinco encofradores, dous canteiros, oito podadores, rozadores e motoserristas, un soldador, un mecánico, dous condutores de maquinaria forestal, dous condutores de camión, catro mozos de recollida de lixo e un electricista.
Estes 26 novos traballadores desempeñarán as súas funcións desde o 1 de maio ata o 31 de decembro cunha xornada completa e un salario bruto aproximado duns 1.108,33 euros, ao que hai que engadir as cotizacións á Seguridade Social dos sete meses que dura o contrato.
Este plan de emprego municipal conta cunha aportación do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra de 287.772,06 euros, que se completan con 30.000 de fondos propios municipais.
O Concello orientou estas contratacións a persoas desempregadas e priorizou a colectivos especialmente desfavorecidos como son as vítimas de violencia de xénero, maiores de 45 anos, persoas cunha discapacidade superior ao 33%, membros de familias monoparentais con fillos a cargo, persoas con niveis de renda baixos ou aqueles que teñan cargas familiares.
Estes traballadores, que se integrarán nas brigadas municipais e actuarán baixo a coordinación do encargado, van realizar tarefas de acondicionamento e creación de marquesiñas e peches municipais, reparacións urxentes, pavimentacións, muros ou empedrados de urbanizacións.
Tamén farán pintado de vías e dependencias do Concello, mantemento de vehículos e maquinaria, condución de tractores, limpeza e roza de rutas de sendeirismo e zonas verdes, mellora de cadros eléctricos, reparacións urxentes nas liñas e mantemento de luminarias.