Piden que o orzamento municipal recolla 2.000.000 de euros para axudas directas ao sector hostaleiro
Por Redacción
O BNG de Sanxenxo reclama ao goberno local que nos orzamentos municipais para este ano se teña especial atención cara ao benestar social e cara ás persoas. Os nacionalistas manifestan que o covid provocou unha situación económica complicada en moitos autónomos, comercios e pequenos negocios da vila.
Desde esta formación propoñen aumentar a contía proposta polo goberno do Partido Popular, que lidera Telmo Martín, de 361.000 euros para o sector da hostalería aos 2.000.000 de euros en axudas directas a este colectivo para paliar as perdas ocasionadas pola pandemia.
Entenden, desde o BNG, que esta cantidade é asumible para o Concello de Sanxenxo, porque hai suficiente superávit e remanente como para afrontar esta cantidade. Sinalan, ademais, que Telmo Martín anunciara esa cifra para axudas á hostalería en 2020, "sen que chegara a dar nin un só euro en axudas", indican desde o BNG.
Propoñen tamén unha partida de 400.000 euros en subvención por concorrencia competitiva para as asociacións municipais, para evitar axudas entregadas a dedo e para colaborar con estes colectivos que se viron gravemente danados durante este último ano.
Ademais, piden que o PP rectifique na medida adoptada de "desmantelar" o servizo de Emerxencia Municipal. Demandan que manteña 18 efectivos e non pase a 12 coa aprobación do novo orzamento. Sinalan que a medida "pon en perigo á veciñanza do concello".
Sandra F. Agraso, portavoz nacionalista, indica que a prioridade debe estar nos postos de traballo, atender a autónomos e pequenas empresas, que están a soportar o peso económico do municipio. "Non é o momento de grandes obras, é o momento da calidade de vida", sinala Agraso.
Relacionadas:
-
O Concello e a Xunta reparten case 2,7 millóns entre a hostalería e sectores afectados pola covid en Sanxenxo
Por Oskar Viéitez |
-
Sanxenxo dará axudas directas municipais a negocios e autónomos do sector turístico
Por Redacción |
-
O Servizo de Emerxencias de Sanxenxo reduce o seu horario para abaratar custos
Por Redacción |