Vaipolorío sae na procura da "orella de rato"
Por Redacción
Un ano máis unhas cantas persoas namoradas do pai Sarmiento, o ilustrado pontevedrés do século XVIII, emprenderán a procura dunha planta que nunha das viaxes so relixioso, un Luns de Pascua, debuxou e describiu as beiras do río Gafos.
Entre as dificultades de atopala en flor están a variación dun ano a outro do Luns de Pascua, os adiantos ou atrasos da primavera nos diferentes anos e o tamaño e o entorno onde vive, pois esta inflorescencia en forma de báculo é de 2 a 3 centímetros e os pétalos das flores de 2 milímetros. E claro está, a planta está mergullada no medio dun pasteiro o que fai moi fácil que pase desapercibida.
Pasaron máis de 260 anos desde que o frei Martín Sarmiento describía nos seus manuscritos unha curiosa planta en forma de báculo de bispo. Facíao nunha das súas viaxes a Pontevedra, visitando as marxes do río dos Gafos, unha contorna que cambiou moito desde 1755.
Sarmiento demostrou ter habilidade describindo a planta, xa que o seu debuxo retrata á perfección unha especie que aínda tardaría outros corenta anos en recibir o seu nome científico: a Myosotis discolor Pers, coñecida popularmente como 'nomeolvides' ou 'orella de gato'.
Este sábado 8 de maio, de 19 a 21 horas, atopásense fronte ao Albergue de peregrinos de Pontevedra para iniciar esta procura guiados por Francisco Javier Silva Pando, conservador do herbario do Centro de Investigacións Forestais de Lourizán, Calros Solla, profesor e escritor e por Amancio Castro, membro de Vaipolorío.
Seguirán os pasos do frei pola ruta peregrina cara a San Cibrán
Agardan que a planta con flor azuladase deixe ver este ano. Mais saben que a flora non é estática, senón que vai cambiando ao longo do tempo. O efecto humano tamén pode provocar que desaparezan plantas máis sensibles. As estradas, os camiños ou os herbicidas son elementos que provocan a eliminación de especies como esta na contorna do Gafos, a pesar de que non é difícil atopala noutros sitios da provincia.