O PP destaca que Pontevedra é a sexta provincia en volume de investimento do Ministerio de Fomento
Por Oskar Viéitez
Horas despois de que o Ministro de Facenda e Administracións Públicas, Cristóbal Montoro, presentase no Congreso dos Deputados o proxecto de Orzamentos Xerais do Estado para 2014, os deputados e senadores do Partido Popular por esta provincia voaron ata Pontevedra para valorar nunha rolda de prensa convocada na sede provincial do PP unhas contas que definiron como "comprometidas" con Galicia e a provincia.
Logo de desculparse por non coñecer polo miudo o orzamento, a rolda de prensa centrouse nas partidas do Ministerio de Fomento nas que Pontevedra aparece coma unha das provincia que maior investimento recibirá do Estado en 2014.
Así o aseguraron a deputada Paz Lago e os senadores Dolores Pan e José Luis Rivera Mallo que coincidiron en destacar que se trata duns orzamentos que, aínda dentro da difícil situación actual, amosan xa certas liñas de crecemento. Son "os orzamentos da recuperación ", salientou Paz Lago, quen subliñou que neste marco, Galicia é a segunda comunidade que maior investimento recibe de Fomento (case un 200% por riba da media nacional), "co que se demostra o compromiso do Goberno por atender as demandas galegas".
Os tres políticos populares coincidiron en salientar que Pontevedra é a sexta comunidade con maior inversión do Ministerio que dirixe Ana Pastor, do que recibirá case un 90% máis de orzamento que a media nacional.
Así Dolores Pan salientou que non faltan nestes orzamentos obras fundamentais para a provincia, como varios treitos da A-57, entre os que figura dotación de 6 millóns de euros para licitar a obra de Vilaboa-A Ermida que, cunha lonxitude de 6,2 quilómetros será parte da circunvalación de Pontevedra; 100.000 euros para o proxecto do treito A Ermida-Pilarteiros e 50.000 euros para o estudo informativo do treito Pilarteiros-Barro e a conexión coa AP-9 en Curro.
A dotación para investimentos en estradas ascende a 37,9 millóns de euros e destaca tamén a achega de 18,12 millóns de euros para o mantemento e mellora da seguridade vial. Neste eido, figura como actuacións principais a rehabilitación estructural do firma da A-52 entre Ourense e Ponteareas cun orzamento de 1,94 millóns de euros.
En materia ferroviaria, o investimento na provincia ascende a 204,26 millóns de euros e inclúen, entre outras actuacións, 195 millóns para as obras do eixe atlántico entre Vigo e A Coruña, dos cales a meirande parte (189 millóns de euros) serán para actuacións na provincia de Pontevedra.
En canto aos portos de interese do Estado da provincia, contarán cun investimento de 26,2 millóns de euros, dos que 14,6 millóns serán para Vigo; 7,8 millóns para Pontevedra-Marín destacando a prolongación do peirao comercial sur e a ampliación de rede ferroviaria interior con 2,5 millóns de euros. En Vilagarcía investiranse 3,8 millóns de euros, sendo un dos investimentos máis destacados a ampliación do peirao do Ferrazo.