BNG e Cidadáns unen forzas en Sanxenxo para impedir o desmantelamento do Servizo de Emerxencias
Por Redacción
O BNG e Cidadáns unen forzas en Sanxenxo para esixir ao goberno de Telmo Martín a convocatoria dun pleno extraordinario e forzar ao executivo municipal a rectificar a súa decisión de desmantelar o Servizo Municipal de Emerxencias. Nunha comparecencia conxunta, Sandra Fernández Agraso (BNG) e Vanesa Rodríguez Büa ( Cs) convidan o resto dos grupos da oposición para sumarse a esta iniciativa.
Ao mesmo tempo piden a Telmo Martín que, en lugar de reestruturar o servizo, inste á Xunta a equiparar o compromiso económico coas emerxencias de Sanxenxo coa achega que fan aos GES noutras comarcas. Ou, por outra banda, que explique as verdadeiras razóns polas que insisten en fulminar un servizo que inflúe directamente na calidade de vida e na seguridade dos veciños de Sanxenxo.
Fernández Agraso insiste en que se trata dun servizo supramunicipal que dá cobertura a máis de 50.000 veciños de Sanxenxo, O Grove, Meaño e Poio e que o recorte do seu persoal afectará ás excarcelacións nos accidentes de tráfico nos que os segundos son vitais ou as intervención nos incendios en vivendas."Poñerá en perigo a posibles víctimas e aos propios bombeiros, ademais de aumentar o tempo de resposta, onde un minuto é a diferenza entre vivir ou morrer", sinala a nacionalista.
Ambas as portavoces coinciden en que os verdadeiros motivos do desmantelamento non teñen relación co aforro económico. A única razón que motiva a decisión de Telmo Martín é “ter a todo o mundo á súa disposición para dispoñer dos recursos municipais como se lle antolle e seguir cunha política de favores que lle garanta apoios para as futuras eleccións. Un actitude de auténtico cacique", sostén Rodríguez Búa.
Relacionadas:
-
Os traballadores de Emerxencias Sanxenxo critican ao Concello pola súa "temeraria decisión" de reducir o número de efectivos
Por Oskar Viéitez |
-
PSOE, BNG e Cs animan á veciñanza de Sanxenxo a asistir o luns ao pleno sobre o Servizo de Emerxencias
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta entrega a Emerxencias de Sanxenxo un novo camión para zonas de difícil acceso
Por Redacción |
-
A oposición solicita un pleno extraordinaria ante as pretensións de Telmo Martín de privatizar o Servizo de Axuda no Fogar
Por Redacción |