A Facultade Ágora adicará a próxima xornada aos espazos seguros e inclusivos
Por Redacción
A Facultade Ágora celebra este venres a súa terceira xornada coa visita de novas figuras de renome no estudo do espazo público que compartirán as súas experiencias coas persoas responsables políticas e técnicas dos concellos da provincia que integran o alumnado. Neste caso participarán o xeógrafo Pau Avellaneda, a arquitecta Izaskun Chinchilla e o arquitecto Mateus Porto, ademais da técnica provincial Andrea Otero, que falarán de como crear "espazos amables, seguros e inclusivos", tal e como indica o título do seminario, dende unha perspectiva social e tamén feminista.
Nesta xornada traballarase sobre como definir as condicións que debe reunir un espazo amable, seguro e inclusivo, contrapoñendo as cidades que coidan fronte ás cidades que expulsan. Repasaranse os aspectos técnicos dun espazo público pensado para as persoas: plataformas únicas, beirarrúas, pasos elevados, iluminación, anchura de carrís, materiais ou vexetación, entre outros.
Pau Avellaneda García é doutor en Xeografía pola Universidade Autónoma de Barcelona (UAB) e está especializado en aspectos de mobilidade sostible e segura. Na UAB imparte a materia de Teoría sobre Ordenación do Territorio, Mobilidade e Transporte e pertence ao Grupo de Investigación de Xeografía Económica e do Instituto de Estudos Rexionais e Metropolitanos de Barcelona.
Izaskun Chinchilla estudou Arquitectura na Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade Politécnica de Madrid. Graduouse en 2001 co premio ao mellor expediente académico da súa promoción e cunha matrícula de honra polo seu proxecto de fin de carreira. Desde entón dirixe o seu propio estudio de arquitectura, con sede en Madrid. As súas investigacións abordan aspectos coma a ecoloxía, a socioloxía e os modos de vida contemporáneos, que aplica á súa práctica profesional e académica. É autora do libro ‘A cidade dos coidados’.
Mateus Porto é arquitecto e urbanista pola Universidade de Brasília (2003) e cun diploma en Estudos Avanzados no doutorado Periferias, Sustentabilidade e Vitalidade Urbana da Universidade Politécnica de Madrid (2009). Desenvolve traballos de consultoría e plan urbano relacionado coa mobilidade, especialmente dos medios non motorizados. Colaborou na redacción de diversos plans de mobilidade urbana sostible (PMUS). É coautor dos libros ‘Nuevas formas de acondicionamento litoral’ (2009) e ‘La ciudad paseable’ (2010). Desde 2008 é profesor no Departamento de Urbanística e Historia da Arquitectura da Escola Superior de Arte e Arquitectura da Universidade Europea de Madrid.
Relacionadas:
-
Cuarta sesión da Facultade Ágora co recoñecemento dos peóns como base das cidades sustentables
Por Redacción |
-
A Facultade Ágora reflexionará sobre ‘As persoas primeiro’
Por Redacción |
-
A Facultade Ágora reflexiona sobre as cidades que coidan as persoas e limitan os vehículos
Por Redacción |
-
Carlos Moreno, o urbanista asesor da alcaldesa de París, apoia o Plan Ágora da Deputación: "el espacio público es el elemento mayor de la democracia"
Por María José Pita |
-
Especialistas da Facultade Ágora, partidarios de que os fondos 'Next Generation' melloren os espazos públicos
Por Redacción |
-
Xornada inaugural da Facultade Ágora, unha iniciativa para promover a transformación dos espazos públicos
Por Redacción |
-
Os expertos da 'Facultade Ágora' alertan da "urxente necesidade" de facer as cidades máis vivibles e saudables
Por Redacción |
-
A arquitecta Zaida Muxí e a enxeñeira Paula Teles, dentro do plantel de especialistas mundiais da 'Facultade Ágora'
Por Oskar Viéitez |