Os centros educativos de Marín recibirán 635.000 euros de Educación para obras de mellora
Por Redacción
No IES Chan do Monte vanse renovar as carpintarías exteriores e no CEIP Carballal procederase á substitución das cubertas. Trátase de dous centros educativos de Marín e para os dous proxectos a Xunta de Galicia acaba de destinar un investimento de 635.000 euros.
O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López, anunciou esta dobre actuación, orientada á mellora da súa eficiencia enerxética, este mércores durante unha visita realizada ao instituto de Mogor. Acompañárono a alcaldesa, María Ramallo, e o xefe territorial de Educación, César Pérez Ares.
No caso do IES Chan do Monte, o departamento autonómico vai investir 270.000 euros na substitución de todas as fiestras exteriores do edificio, que conta con máis de 3.200 metros cadrados e foi construído no ano 1983, polo que presenta, por mor do paso do tempo, certas patoloxías na fachada que se corrixirán con esta actuación.
As novas ventás serán de carpintaría de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre e a súa instalación complementarase co cambio de todas as portas exteriores e a substitución dos dinteis dos ocos das fiestras.
O CEIP Carballal recibirá un investimento de 365.000 euros para modernizar todas as súas cubertas, que contan cunha superficie de máis de 4.000 metros cadrados, e, deste xeito, completar a mellora integral do edificio, que xa se beneficiou dunha rehabilitación enerxética, con dotación de illamento, o pasado ano a cargo da Consellería de Educación.
Está previsto que esta dobre actuación se adxudique durante as vindeiras semanas para proceder á execución das obras durante os meses de verán co obxectivo de non interromper o curso lectivo.
Luís López asegurou que desde o Goberno galego están "absolutamente comprometidos co ensino e desenvolvendo unha actividade e unha planificación intensas".